Carta a 21noticias dos veciños de San Pedro, en Xinzo, ante o desbordamento dunha balsa de rego (Vídeo)

O tempo xa nos deu a razón aos de San Pedro, en Xinzo, e non nos fixo esperar moito. Mesiño e medio pasou desde que vos contamos por enriba a odisea que estamos a vivir e a evidencia xa nos trae novas preocupacións.

Resulta que, como cada ano por estas datas, había que encher a balsa do pobo de Trandeiras, esa que nos puñan de exemplo de que estas construcións son seguras aínda que estean por riba das aldeas. “Leva anos aí e nunca pasou nada” dicían.

Anegamentos

Coma sempre, e por desgraza, non pasa nada ata que a auga chega ao pescozo. Disque houbo un pequeno erro humano e a auga que debía estar tan tranquila no alto do monte escorregou ladeira abaixo, inundando fincas e cortando a estrada, como podedes ver nas imaxes.

E nós agora preguntámonos: se isto sucedeu cun pequeno despiste humano, ¿qué pasaría se racha a piscina que nos queren colocar por riba de San Pedro? Estamos a falar dunha balsa que podería, no seu caso costar vidas humanas en caso de rotura e que acumulará 25 millóns de litros de auga.

Aínda así, o que nos ten con maior inquedanza é o motivo polo que os responsables da construción da piscina dentro do plan de regadío de A LIMIA continúan a ignorar as nosas peticións, persistindo no seu desacerto, este sí de dimensións considerables, pero que aínda é fácil de corrixir, ao estar aínda soamente sobre os planos.

Xa chegan os acontecementos que nos sorprenden porque como humanos non os podemos prever, como para ignorar os que estamos vendo ás claras desde antes de pousar a primeira pedra.

Nas nosas entendedeiras paga a pena cambiar un croquis para evitar poñer en risco a vida e a paz de centos de veciños. ¿A vós que vos parece?

Comparte éste artículo
No hay comentarios