A charla terá lugar o 5 de xuño ás 19:30 horas no Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña baixo o título “‘A axuda humanitaria en xaque: retos no actual contexto internacional’.
A Cátedra Inditex-UDC de Sostibilidade pecha o próximo 5 de xuño ás 19:30 horas no Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña, o seu Ciclo de Conferencias En Código Aberto cunha sesión baixo o título ‘A axuda humanitaria en xaque: retos no actual contexto internacional’, impartida por Paula Gil Leyva, presidenta de Médicos Sin Fronteras España (MSF).
Este evento coincide co acto de clausura da décimo cuarta edición do ‘Curso de Experto en Sostibilidade e Innovación Social’ (CESIS) e a entrega de diplomas ao seu alumnado.
A conferencia é de acceso libre, tanto para a comunidade UDC como para o público en xeral, confirmando a inscrición a través desta ligazón, e outorgarase un certificado de asistencia.
Paula Gil Leyva, máis de 20 anos de traxectoria en MSF
Paula Gil Leyva é diplomada en Enfermaría pola Escuela Universitaria de Mar da Universidad de Barcelona con dous posgraos en Coidados de Enfermaría en Urxencias Prehospitalarias pola Universitat de Girona e en Xénero e Igualdade pola Facultade de Dereito da Universitat Autonoma de Barcelona. Desde o 2021 é a presidenta de Médicos Sen Fronteiras España/OCBA.
A súa primeira intervención con MSF foi en Angola, en 2003, como enfermeira no proxecto de nutrición en Matala. Entre 2007 e 2010, foi coordinadora de proxectos do programa de VIH/Sida de MSF en Mozambique. Ao longo da súa traxectoria persoal as súas funcións estiveron directamente relacionadas coa xestión de recursos humanos, tarefa que lle levou a diferentes postos nesta área: responsable de postos de coordinación médica, xinecoloxía, anestesia e cirurxía, e do equipo de emerxencias. Os últimos anos dedicounos á prevención e á xestión de casos de abusos como responsable Comportamento e Ética da organización.
En Código Aberto, unha iniciativa da Cátedra Inditex-UDC de Sostibilidade
O Ciclo de Conferencias En Código Aberto está promovido pola Cátedra Inditex-UDC de Sostibilidade. A relación da Universidade da Coruña con Inditex propiciou hai máis dunha década a creación desta cátedra, froito do acordo de colaboración asinado por ambas as dúas entidades para o fomento da responsabilidade social universitaria en 2010. A coordinación desta iniciativa está a cargo do Consello Social da UDC, en calidade de órgano de participación da sociedade na universidade.