O gala dos XII Premios Martín Codax celebrouse onte no Pazo da Cultura de Pontevedra.
As mil cincocentas persoas que pasaron polos micros e a mesa de control de CUAC FM nos seus vintenove anos de vida teñen dende onte un Premio Martín Codax. Na categoría de Mellor proxecto de Comunicación e difusión musical competían nesta edición un total de trinta e dous proxectos. Chegaron á final xunto a canle de Youtube Dando a lata do xornalista Rodri Míguez e Recollendo músicas, de Saúl Rivas e Borja Casal. Era a
segunda ocasión na que CUAC era finalista.
A radio comunitaria da Coruña desprazou unha delegación de seis persoas, ainda que en total no evento estaban dez, xa que varios forman parte de proxectos musicais que tamén estaban nominados.Dende 1996 máis de cen programas da emisora adicaron ou adican os seus contidos principalmente á música.
Ademáis, continúa a organizar anualmente un Concurso de Bandas e solistas polo que xa teñen pasado máis de tres mil proxectos. Na edición de 2025 son 125 as candidaturas recibidas.O xurado profesional nunha primeira fase e as socias e socios de músicas ao vivo, así como o público xeral na segunda, votaron os proxectos finalistas e o resultado foi que, na segunda ocasión na que a radio do pico de pato chegaba a final, o premio veu para A Coruña, concretamente para o Campus Universitario da Zapateira onde a Universidade da Coruña cede as instalacións nas que se ubica este proxecto polo que xa pasaron catrocentos noventa e seis programas diferentes.
Durante os agradecementos, CUAC FM lembrou que defende o dereito a comunicar, recollido tanto na Declaración Universal dos Dereitos Humanos como na Constitución Española, e que ainda seguen á espera, todos os medios comuniarios das licenzas que lles corresponde por Lei dende 2010. Tamén falaron da música como peza fundamental de toda emisora de radio, agradecendo ás creadoras e interpretes de cancións todo o que teñen aportado a CUAC FM na súa xa longa historia.