María José Gómez: “Valdeorras embotella a súa ‘alma e historia’ nos seus viños”

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe a tradición e a calidade dos viños da Denominación de Orixe Valdeorras, que definiu como “reflexo da alma e a historia desta terra, da súa xente e da súa tradición vitivinícola, que se remonta á época do Imperio Romano”.

A conselleira, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, entre outras autoridades, participou na inauguración da XXVI Feira do Viño de Valdeorras. Neste acto, reafirmou o apoio do Goberno galego ao sector vitivinícola da nosa comunidade e destacou que este eido “é un motor de identidade, de convivencia e de orgullo” para todos.

Nesta liña, Gómez sinalou que a viticultura, ademais dunha actividade económica, constitúe un elemento clave na planificación territorial. Así, explicou que o coidado das vides implica tamén o coidado do territorio, a conservación do medio ambiente e, en gran medida, a fixación de poboación no rural.

Por iso, a conselleira trasladou o seu agradecemento a todos os viticultores, os adegueiros e toda a comunidade de persoas que fan posible esta festa e que traballa día a día para manter viva esta tradición. Un esforzo que, indicou, fai posible que Valdeorras siga sendo un referente no mundo do viño, “un símbolo da nosa terra e da nosa cultura”.

Variedade Godello

Asemade, a titular de Medio Rural fixo unha mención especial á Godello, unha variedade que -dixo- “é a peza clave do éxito nacional e internacional dos viños de Valdeorras”, con fitos como o recoñecemento ao mellor viño branco de España acadado no 2024 pola adega A Tapada co Guitián fermentado e barrica. Así, puxo de relevo que esta uva, “herdeira daquelas cepas que introduciron os romanos e supervivente da praga da filoxera do século XIX”, pasou de ser unha descoñecida a exportarse a Estados Unidos e Gran Bretaña, entre outros mercados.

Neste mesmo sentido, a conselleira subliñou que esta comarca do oriente ourensán, as súas xentes e os seus viños son os mellores embaixadores de Galicia e, en particular, da Galicia Calidade “da que tan orgullosos nos sentimos”, concluíu.

Apoio ao enoturismo

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia eloxiou a celebración deste tipo de eventos que poñen o foco sobre o enoturismo, unha das propostas turísticas de Galicia que se está a impulsar desde o Goberno galego como unha forma tamén de contribuír á dinamización económica do rural.

Concretamente, Turismo de Galicia está a desenvolver unha serie de iniciativas na comarca de Valdeorras onde ten un especial protagonismo o enoturismo, nas que leva investidos nos dous últimos anos máis de 2,8M€.

Así, Xosé Merelles referiuse ao plan de sostibilidade turística de destino que se desenvolver co título ‘Valdeorras Ruta do Viño Milenaria’, cofinanciado pola Unión Europea o marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, que conta cun investimento de 1,5M€. E tamén ás axudas para proxectos tractores de enogastronomía que benefician a varias adegas da zona e nas que a Xunta inviste case 400.000 euros.

Ademais, este departamento da Xunta colabora cos distintos concellos da zona á hora de mellorar e potenciar recursos turísticos locais achegando case 150.000 euros. A isto hai que engadir outras actuacións neste eido como son as obras de mellora que se están a realizar no Camiño de Inverno que supuxeron un investimento en 2024-2025, ao redor de 800.000 euros.

Comparte éste artículo
No hay comentarios