A duodécima edición do Festival Mar de Mares botou a andar esta mañá coa súa tradicional apertura no Mercado de San Agustín, cun acto que reuniu a patrocinadores, representantes institucionais e convidados especiais. A directora artística do festival, Silvia Oviaño, foi a encargada de dar a benvida e moderar unha mesa de intervencións breves na que cada participante destacou o valor de apoiar unha cita única no panorama da divulgación e o coidado do medio ambiente.
Odile Rodríguez de la Fuente, protagonista do primeiro encontro inspirador desta tarde na Domus, afirmou que Mar de Mares “é un festival paradigmático e exemplar, recoñecido en toda España e, pronto, tamén a nivel internacional”, e engadiu que “o mar aínda precisa moita máis concienciación: temos que coller esa bandeira e levala máis aló da Coruña”. “Estou segura de que teño algún xene galego, porque aquí síntome moi a gusto”, comentou entre risas.
Pola súa banda, Yoya Neira, concelleira de Medio Ambiente, sinalou que “Mar de Mares permite que toquemos realidades que ás veces esquecemos. A cidade viviu moitos anos de costas ao mar e agora é tempo de mirar cara el”. Subliñou tamén o esforzo do Concello por preservar o litoral e fixo fincapé nunha idea clave: “Antes de limpar, é fundamental non ensuciar”.
Desde a Deputación da Coruña, Rosa Ana García, deputada provincial responsable das áreas de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, destacou a sintonía entre Mar de Mares e as políticas ambientais da institución: “Aínda estamos a tempo de falar dun mar en bo estado de saúde, pero é imprescindible educar para preservalo”.
As entidades colaboradoras tamén tomaron a palabra. Gabriela González, directora de comunicación de Vegalsa-Eroski, reafirmou o seu compromiso: “Seguiremos acompañándovos neste camiño”. Ademais, Isabel López Rivadulla, directora de Marketing de SIGNUS, empresa que cada ano recolle e xestiona 15 millóns de pneumáticos usados, insistiu no potencial do festival: “Para nós, colaborar aquí é participar nunha concienciación que o Mar de Mares consegue atrapar”. De feito, SIGNUS é a entidade que lidera a VI Gran Limpeza de Fondos Mar de Mares Signus, que terá lugar o domingo 15 de xuño. Laura Vázquez, de Gestán Conteco, afirmou que : “Os residuos non son o final dun ciclo, senón o comezo de novas posibilidades. Desde o cotiá, todos podemos facer algo polo mar”.
O peche do acto veu da man do artista Javier García Galdo, quen presentou a súa exposición “Un mar de preguntas”, inspirada nun libro homónimo con linguaxe accesible e reflexivo: “Se desaparecen as baleas, perdemos os grandes fertilizadores do mar. Este libro naceu das preguntas dos meus fillos e da radio, e hoxe é unha homenaxe á curiosidade”. A inauguración rematou cun percorrido pola mostra, que xa está aberta ao público e forma parte do eixe artístico desta edición.
???? Esta tarde, ás 19.00h, o público poderá gozar do Encontro Inspirador con Odile Rodríguez de la Fuente na Domus, nun espazo que promete emoción, reflexión e compromiso cos océanos.
PROGRAMA DESTACADO PARA O SÁBADO 7 DE XUÑO
A xornada de mañá arrincará co avistamento de aves na contorna da Torre de Hércules, unha oportunidade única para descubrir especies locais e migratorias da man do equipo de Puertas Afuera. Tamén poderemos gozar da travesía en veleiro pola baía “A Coruña desde o mar”, cun picnic mariñeiro a bordo e explicacións sobre o ecosistema da man da tripulación de Altavela.
Desde ás 11:00h o Mercado de San Agustín acollerá unha intensa programación con obradoiros ambientais, charlas, música en directo, showcookings e actividades para todos os públicos, destacando:
§ Showcooking con Moncho Méndez do restaurante Millo
§ Obradoiros de reciclaxe, estampaxe e ciencia mariña
§ Degustación de empanadas do mar
§ Concertos de TRAM 32 e Sweet Marie a partir das 19h
§ E o Encontro Inspirador con Anxo Cao, biólogo e fotógrafo mariño, ás 18h
Na DOMUS, ás 19h, terá lugar o encontro con Noemí Sabugal e Pablo J. Casal, autores de Laberinto Mar, un relato fotográfico e literario sobre a nosa relación co mar. Ao remate, Sabugal asinará exemplares do libro.