Rubén Arroxo: «Seguimos traballando para garantir a seguridade viaria traballando nun firme axeitado nas distintas zonas de Lugo e avanzando no calmado do tráfico«.
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou a apertura da licitación dos traballos de renovación do firme na Avenida das Fontiñas, entre os números 254 e 310, e na rúa Mariña Española, no treito que une Ramón Ferreiro coa rúa Armórica. Arroxo explicou que «son zonas que contan cun firme moi desgastado e é preciso intervir para garantir a seguridade viaria, ao avanzar tamén na instalación de
elementos de calmado do tráfico e o bo estado dos espazos públicos».
Arroxo afirmou que «desde a Tenencia de Alcaldía seguimos traballando para mellorar os espazos públicos, planificando os traballos en base ás visitas aos barrios e ás reclamacións da veciñanza», e explicou que os
traballos consistirán na instalación dunha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, e na renovación da sinalización horizontal unha vez rematen os traballos. Ademais, na rúa Armórica instalarase un novo elemento de calmado do tráfico.
O Goberno de Lugo vén de abrir o proceso de licitación desta obra, cun orzamento base de 96.798,98€, e un prazo de execución de 12 semanas. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 20. A
Tenencia de Alcaldía planifica a realización destas intervencións aproveitando as condicións climáticas favorables desta época do ano, xa que o bo tempo é esencial para garantir a calidade do asfaltado, garantindo que a solución aplicada dure o máximo tempo posible en bo estado.