Hoxe tivo lugar na sede da Fundación Vicente Risco en Allariz a relocución do premio de Ciencias Sociais.
ACTA DO XXIX PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS
Reunido, na sede da Fundación Vicente Risco de Allariz, sendo as 12:00 horas do día 7 de xuño de 2025, o xurado do XXIX Premio Vicente Risco de Ciencias Socias, composto por:
– Dna. Teresa Devesa Graña, polo Concello de Allariz;
– D. Joaquim Vázquez Rodríguez, polo Concello de Melide;
– D. Zósimo López Pena, pola Universidade de Santiago de Compostela (USC);
– Dna. Mercedes González Vázquez, pola Universidade de Vigo (Uvigo);
– Dna. Elisa Gomes da Torre, pola Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro (UTAD) e
– D.ª Isabel Mociño González, en representación do Padroado da Fundación Vicente Risco e como secretaria, mentres que desculpan a súa presenza por motivos persoais D. Xavier Limia de Gardón, pola Deputación de Ourense; e D. Manoel Carrete Rivera, polo Concello de Castro Caldelas, que remiten a súa valoración dos traballos.
O xurado quere manifestar que os traballos presentados a esta edición conta cun alto nivel de calidade e todos cumpren os requisitos das bases do Premio.
O xurado decide outorgar por unanimidade o premio a Separados por uma língua comum. Lusofilia e galeguidade na correspondência entre intelectuais da Galiza e do Norte de Portugal no século XX que, unha vez aberta a plica, resulta ser de Xosé Ramón Freixeiro Mato. O xurado valora deste traballo a perspectiva interdisciplinar na que se sustenta a análise da correspondencia entre intelectuais galegos e portugueses ao longo do século XX. Valora a abordaxe feita dende a glotopolítica á sociolingüistica, pasando pola análise das diferenzas interlingüística entre a lingua galega e portuguesa, a perspectiva poscolonial, ata as posibles solucións á cuestión lingüística en Galicia, o conflito simbólico e as disputas ideolóxicas. O xurado salienta que é un traballo rigoroso, ben estruturado e cun bo dominio das fontes, así como polo seu interese e actualidade. O xurado considera facer dúas mencións especiais a dous traballos etnográficos, un sobre etnomedicina, presentado baixo o lema de Levantar a paletilla caída. Medicina integrada na tradición galega, de Lidia Mariño Ventoso; e o de Historias de muíños e muiñeiros/as no cerne de Galicia, de María Montserrat Varela Vázquez.
Péchase a sesión, na Fundación Vicente Risco de Allariz, sendo as catorce horas do día sete de xuño de dous mil vinte e cinco.