Insubmisas contra o Rearmamento – Galicia participou activamente na concentración contra a OTAN na Praza do Toural

Este domingo, 29 de xuño, a plataforma Insubmisas contra o Rearmamento – Galicia estivo presente na concentración contra a OTAN que tivo lugar ás 12:00 horas na Praza do Toural, en Compostela, para denunciar o crecemento do gasto militar, o réxime de guerra que se impón en Europa e a subordinación dos gobernos da UE á lóxica belicista impulsada polos Estados Unidos e a industria armamentística.

Durante o acto, o voceiro da plataforma, Óscar Lomba, deu lectura a unha intervención política na que se condenou o compromiso asinado polo Goberno español no Cumio da OTAN da Haia, que contempla elevar o gasto militar ata o 5 % do PIB —case 80.000 millóns de euros ao ano—, mentres se recortan dereitos sociais e se agrava a crise de vivenda, sanidade e servizos públicos.

Insubmisas Contra O Rearmamento tamén denunciou a recente agresión militar dos Estados Unidos contra Irán, o papel de Donald Trump como instigador dun novo ciclo de guerra global e a complicidade dos dirixentes europeos, entre eles Pedro Sánchez e Ursula von der Leyen, coa militarización crecente da Unión Europea.

A concentración foi un acto de denuncia, resistencia e afirmación pacifista, con participación de persoas e colectivos comprometidos coa defensa da paz, a desmilitarización e os dereitos sociais, desde unha perspectiva feminista, internacionalista e galega.

Insubmisas contra o Rearmamento – Galicia fai un chamamento a fortalecer a mobilización social contra a OTAN, contra o rearmamento e contra o negocio da guerra, apostando por un futuro de paz con xustiza social.

Galicia non será cómplice!

Comparte éste artículo
No hay comentarios