O vindeiro mércores 16 de xullo ás 19:00 horas, a Delegación Territorial da ONCE en Galicia (Cantón Grande, 3, A Coruña) acollerá unha nova edición de “As charlas do Xerion”, o ciclo de encontros en vivo do pódcast homónimo. O convidado desta sesión será o recoñecido músico e divulgador Abraham Cupeiro. A entrada será libre ata completar aforo.
A charla, titulada “Da praza de Sarria a Hollywood: o son que nos une”, levará ao público por un percorrido vital e sonoro que vai desde os primeiros pasos dun rapaz apaixonado pola música ata a súa participación en proxectos internacionais. Cupeiro explicará como se constrúe o cariño pola música, que o leva a buscar a historia a través dos instrumentos antigos e como ese camiño aparentemente imposible o leva a colaborar con grandes orquestras e co cine estadounidense.
“As charlas do Xerion” convértese unha vez máis nun espazo onde as preguntas que nacen na rúa —como se chega, por que se insiste, que sentido ten conservar o que xa non soa— se responden dende o escenario. Unha oportunidade única para coñecer de preto a traxectoria dun artista que escoita o pasado para darlle voz no presente.
Data: Mércores 16 de xullo de 2025 Hora: 19:00 h
Lugar: Delegación Territorial da ONCE en Galicia
Dirección: Cantón Grande, 3 – 15003 A Coruña (fronte ao Obelisco) Entrada: De balde ata completar aforo
Organiza: “As charlas do Xerion”