A asociación galega de mulleres do mar celebrará o vindeiro xoves 3 de xullo a quinta edición do Premio Muller Salgada. Con este galardón, Mulleres Salgadas busca homenaxear ás mulleres que forman parte do tecido social do mar de Galicia, así como visibilizar as actividades do sector pesqueiro con presenza feminina. As protagonistas son mulleres que achegan valor desde o anonimato, pero que contribúen de maneira decisiva ao enriquecemento e ao desenvolvemento de profesións fundamentais na costa galega.
Este ano, Mulleres Salgadas quere poñer o foco no turismo mariñeiro, outorgando o premio á asociación de mariscadoras de Cambados Guimatur, pioneiras desta actividade. Guimatur, e todas e cada unha das mulleres que a compoñen, son un referente en dar a coñecer a cultura do mar e mostrar o marisqueo a pé, a pesca e o traballo das redeiras.
No medio dunha crise profunda do marisqueo en Galicia, o turismo cultural baseado no mar é unha das opcións que van cobrando forza na procura da diversificación. Guimatur comezou a súa andaina en 2004, co apoio da Confraría e o Concello de Cambados. Algunhas das socias fundadoras aínda continúan exercendo de guías, orgullosas dun traballo e unha contorna que aman e que desexan preservar e transmitir ás xeracións futuras.
A entrega do premio será en Cambados ás 20h, na sala “Pitusa Cabanillas” da Casa da Calzada e conta coa colaboración do Concello de Cambados