A eurodeputada do BNG reclama que a Comisión Europea actualice a información relacionada con este tema tendo en conta a sentenza do TSXG.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia que na reunión de coordinadores da Comisión de Peticións da Eurocámara celebrada hoxe, o PP e o PSOE se abstiveron para evitar que os graves problemas de contaminación que dende hai anos se producen no encoro das Conchas se traten na sesión desta comisión correspondente ao mes de setembro, impedindo que comparezan os colectivos afectados.
Ana Miranda destaca que desde o 2018 hai unha petición aberta na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo sobre as demandas feitas polos colectivos veciñais da Limia en relación co encoro das Conchas e os problemas de contaminación ambiental, en concreto a Petición número 1057/2018, sobre os efectos da gandería intensiva no Val da Limia.
“Desde o BNG e como eurodeputada galega pedín que se reabrira este asunto para que viñeran os colectivos a comparecer. A nosa sorpresa foi que o Partido Popular e o Partido Socialista impediron que veñan comparecer no mes de setembro, incluso diante da sentenza que lle dá a razón aos colectivos”, explica.
Nesta liña, a eurodeputada do BNG considera imprescindible que haxa “información directa da Comisión Europea para actualizar a información”, e defende que no mes de outubro os colectivos poidan comparecer na Comisión de Peticións do mes de outubro.
Visita ao encoro
No obxectivo de explicar as actuacións levadas a cabo polo BNG no Parlamento Europeo, o vindeiro venres Ana Miranda visitará o encoro das Conchas, visita na que tamén participarán o deputado na Deputación de Ourense, Xosé Manuel Puga, a responsable comarcal do BNG, Ernesta Seoane, así como portavoces municipais de outras localidades e colectivos afectados.
No percorrido previsto -que tamén inclúe Verea, Ramirás e Celanova-, a eurodeputada do BNG explicará que recentemente dirixiu unha pregunta á Comisión Europea sobre os incumprimentos e a inactividade do Estado español e da Xunta de Galiza á hora de combater os problemas de contaminación este encoro, inactividade recoñecida na sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. En concreto, a sentenza do TSXG recoñece a vulneración de dereitos fundamentais da veciñanza da comarca e condena tanto á Xunta de Galiza como á Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), dependente do Estado, pola súa inactividade deliberada fronte a unha situación coñecida e grave de contaminación das augas.