O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, ante as declaracións do PP sobre as reclamacións de investimentos ao goberno do estado, amosou a súa sorpresa ante a postura do PP, «quen recoñece que os 13 deputados e deputadas en Madrid son incapaces de reclamar melloras para Lugo e ten que ser o deputado do BNG, Néstor Rego, quen pelexe por defender os intereses de Lugo e de Galiza».
Rubén Arroxo destacou o traballo realizado polo BNG no Congreso, conseguindo avances significativos «despois de moitos anos de diferentes gobernos deixando de lado as necesidades de Lugo», explicou, e puxo como exemplo a defensa do ferrocarril e a mellora das conexións ferroviarias, co avance dado na modernización da conexión Ourense – Lugo, ou a reclamación de melloras nas infraestruturas viarias, como as preguntas que se veñen de presentar ante o deficiente estado da N-VI.
«Mentres que moitas lucenses non saben o nome de ningún deputado do PP, o BNG, a través de Néstor Rego, mantén un compromiso firme coa defensa dos intereses Lugo no Congreso, esixindo solucións aos problemas de conexión e infraestruturas, tan necesarias para o desenvolvemento económico e social de Lugo e de toda Galiza», explicou.
Arroxo afirmou que o BNG seguirá traballando en todas as institucións «para que Lugo sempre esté no mapa, reclamando os investimentos necesarios para garantir o bo desenvolvemento económico e social do concello».