Concello de Lugo: Cemiterio de mascotas en marcha e avances no San Froilán

 A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobou hoxe varios asuntos de relevancia que reforzan o compromiso do executivo local co benestar animal, coa mellora dos espazos públicos e coa planificación anticipada das festas do San Froilán.

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, informou dos asuntos tratados, entre os que destaca a aprobación da ordenanza xeral que regulará o cemiterio de mascotas municipal, un proxecto pioneiro en Galiza que permitirá ofrecer un espazo público e digno para a despedida dos animais de compañía. O cemiterio, actualmente en construción nas inmediacións do Cemiterio Municipal, contará con espazos axardinados e servizos adaptados para preservar a memoria dos animais falecidos.

O proxecto inclúe nichos individuais para furnas de cinzas e un cinceiro xeral para mascotas. O recinto estará aberto ao público no mesmo horario que o Cemiterio Municipal de San Froilán, e poderá acoller actos de despedida, depósito ou retirada de cinzas, así como visitas das persoas usuarias. As unidades de enterramento, nichos ou columbarios serán outorgadas en réxime de concesión administrativa por un período de cinco anos, con posibilidade de prórroga por outros cinco anos máis.

Rubén Arroxo destacou que “este é un proxecto moi demandado pola veciñanza e reflicte a sensibilidade deste Goberno cara aos vínculos que as persoas teñen cos seus animais”.

Tamén se aprobou a contratación das obras de acondicionamento dun novo aparcadoiro público na rúa Rof Carballo, aproveitando un terreo municipal que xa viña sendo utilizado informalmente para o estacionamento. Arroxo explicou que “con esta actuación creamos un espazo acondicionado e integrado coa contorna, poñendo en valor un solar de uso público que dará servizo á veciñanza da zona”. A intervención foi adxudicada á empresa Ogalia por un importe de 43.076 euros cun prazo de execución de 2 meses.

O trazado contempla a execución dun pavimento de formigón pulido para a zona de acceso e manobra, mentres que os espazos de estacionamento disporán dun pavimento de herba armada sobre base de grava, delimitado con bordillos de formigón. A fachada cara á rúa San Xillao será axardinada con enebros e breixos, e mellorarase a integración coa beirarrúa existente. Tamén se substituirá o acceso actual por outro de formigón impreso e construirase un novo sumidoiro para garantir a drenaxe do terreo.

No ámbito das festas, a Xunta de Goberno acordou a adxudicación da contratación, mediante catro lotes, das casetas ‘stand’ para os postos de venda do San Froilán dos anos 2025 e 2026. En Rodríguez Mourelo instalaranse 50 stands cun prezo unitario de 704,64 €, cun total de 35.232,00 €. Na rúa Puro Cora, 16 stands a 533,61 €, cun total de 8.537,76 €. Na Avenida Dr. García Portela colocaranse 8 stands a 913,55 €, cun total de 7.308,40 €. E na Praza Maior, no espazo Gastroarte, instalaranse 23 stands a 513,04 €, cun total de 11.799,92 €.  

O contrato foi adxudicado á empresa Xestión de Montaxes Ancares SL por un importe total de 62.878, 08 euros. “Adiantámonos na planificación para garantir unhas festas organizadas, seguras e de calidade para expositores e visitantes”, sinalou Rubén Arroxo.

Rubén Arroxo critica a falta de compromiso do PP co San Froilán

O Tenente Alcalde apoiou as declaracións da concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, sobre a decisión do Partido Popular de abandonar novamente a Comisión de Festas do San Froilán, Rubén Arroxo lamentou a postura do grupo popular e criticou a súa falta de implicación.

“O PP leva anos utilizando as festas como ferramenta de confrontación política, en lugar de aportar propostas ou traballar pola cultura da cidade”, lamentou Arroxo, quen subliñou que “o San Froilán é unha festa de todas e todos os lucenses, e quen non quere participar na súa organización está simplemente renunciando a sumar”.

O Tenente Alcalde destacou que non é a primeira vez que o Partido Popular dá as costas ao San Froilán. “Xa é un patrón repetido: abandonan a comisión, non fan propostas e logo critican desde fóra”, e engadiu que “nin colaboran institucionalmente desde o Concello, nin tampouco desde a Xunta de Galiza, cuxa achega segue sendo mínima para unhas festas desta relevancia”.

Arroxo puxo en valor o traballo da área de Cultura, que “segue a organizar unhas festas diversas, participativas e que cada ano demostran ser un éxito de público e programación”. Segundo afirmou, “a resposta da cidadanía nas rúas é a mellor mostra de que o San Froilán é unha festa viva, con apoio social, malia a falta de compromiso do PP”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios