O PSdeG de Sarria denuncia o abandono da Ponte da Áspera e a colocación de contedores no centro

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Sarria denunciou dúas situacións que, segundo o seu voceiro Benjamín Escontrela, demostran a «deixadez e falta de sensibilidade» do goberno local. Os socialistas critican a colocación de seis contedores de lixo xuntos en pleno centro urbano e o estado de abandono da Ponte da Áspera, un emblemático paso do Camiño de Santiago.

Escontrela sinalou que a concentración dos contedores, a poucos metros de terrazas de bares e cun panel informativo ilexible, xera un «impacto visual moi negativo, malos cheiros e unha convivencia forzada». Por iso, o PSdeG reclama a súa inmediata reubicación e a reparación do panel.

A Ponte da Áspera, en risco polo abandono

O voceiro socialista tamén alertou sobre o preocupante estado da Ponte da Áspera, unha construción medieval sobre o río Celeiro que presenta danos visibles na súa calzada e contorna. Para o PSdeG, este abandono pon en risco a seguridade de veciños e peregrinos e danan a imaxe do patrimonio de Sarria.

Ante a resposta do alcalde de que a responsabilidade é da Xunta e de Patrimonio, Escontrela defende que «iso non exime ao Concello da súa obriga de actuar e de liderar as xestións para garantir a conservación». O PSdeG insta ao goberno local a actuar con «urxencia e responsabilidade» para solucionar estas dúas cuestións, que «danan a imaxe da vila, incomodan á veciñanza e desprezan o noso patrimonio histórico».

Comparte éste artículo
No hay comentarios