A Xunta patrocina o partido de presentación do equipo feminino do Burela FS ante a súa afección

O delegado territorial destacou o esforzo da Administración autonómica con este novo patrocinio “a un club histórico que é todo un referente no deporte lucense e galego e un exemplo de promoción do deporte feminino”.

 A Xunta patrocina o ‘Trofeo Burela Turismo de Galicia’, que este xoves 28 de agosto enfrontará ao Burela Fútbol Sala feminino e o 5 Coruña FS no pavillón de Vista Alegre, a partir das 20.00 horas. O encontro servirá como presentación oficial do equipo diante da súa afección antes do comezo da nova tempada, previsto para o 6 de setembro.

O delegado territorial, Javier Arias, participou na presentación do partido, nun acto que se desenvolveu no porto de Burela e no que tamén estiveron o presidente do CD Burela FS, José Luis Sáez; a adestradora do equipo feminino, Belén Feal; e unha representación do plantel de xogadoras.

Arias detallou que a Administración autonómica destina 20.000 euros a través da Axencia de Turismo de Galicia a patrocinar en exclusiva este partido, que terá entrada gratuíta. Lembrou que esta colaboración se suma ao convenio de patrocinio asinado tamén coa entidade o pasado mes de abril -por valor de 30.000 euros- dentro da aposta da Xunta por vincular o deporte de alto nivel coa proxección da imaxe turística da comunidade.

O delegado territorial puxo en valor o compromiso do Goberno galego cos clubs deportivos da nosa provincia, entre eles os que nos representan nas máximas categorías nacionais, como o Breogán, o CD Lugo, o Ensino, o Arenal Emevé, o Lugo Sala ou tamén o Castro FSF e o propio Burela FS, “co que estamos a facer un esforzo especial polo momento complicado que atravesa e tamén como mostra de confianza hacia o traballo da nova directiva”.

Destacou ademais a traxectoria do Burela FS, “un club que fixo historia, levando o fútbol feminino ao máis alto nivel, coronándose con numerosos títulos nacionais e internacionais, e que proxecta o nome de Burela e da Mariña dentro e fóra das nosas fronteiras”. É por todo iso que a entidade burelesa representa -segundo sinala Arias- “non só un exemplo de excelencia deportiva senón tamén un destacado motor de dinamización social e económica para toda a comarca”.

O representante autonómico gabou finalmente o labor do club a prol da igualdade de xénero, “apostando de xeito decidido polo deporte feminino”, e da promoción do deporte de base na comarca.

Comparte éste artículo
No hay comentarios