A “xestión nefasta” do PP agravou a traxedia dos lumes, segundo Besteiro

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou hoxe en Ourense o curso político cun encontro con alcaldes, alcaldesas e voceiros socialistas de toda Galicia, así como cos presidentes das deputacións de Lugo e de Coruña, José Tomé, e Valentín González Formoso, e o presidente da Fegamp, Alberto Varela. A reunión contou entre outros coa presenza dos rexedores de Vigo, Monforte, Cerceda, Ribeira de Piquín, e con especial presencia dos da provincia de Ourense afectados polos fogos, ademais da presenza online de representantes do resto de concellos.

Besteiro subliñou que a cita responde a unha promesa feita ao alcalde de Vilamartín de Valdeorras, durante a súa visita á zona afectada polos incendios a pasada semana: “Comprometinme a convocar de inmediato unha reunión cos alcaldes e alcaldesas socialistas para analizar o sucedido e preparar a nosa resposta política. E hoxe cumprimos esa palabra”.

O líder socialista deixou claro que a prioridade durante a vaga de incendios foi “apagar os lumes e protexer vidas e bens”, pero que agora é o momento de pedir responsabilidades: “A maior traxedia non foron só os incendios, senón que a súa xestión quedara en mans dun PP incompetente, que sempre mira para outro lado e nunca asume os seus erros”.

Críticas á Xunta e ao PP

Besteiro lembrou que a Xunta ten competencias exclusivas en prevención e extinción, e que a súa xestión foi “un fracaso absoluto”: “No 2018 aprobamos 123 medidas nun ditame conxunto sobre incendios. O PP tivo sete anos para aplicalas e non fixo nada. O resultado vímolo este agosto: montes abandonados, falta de medios e un rural desprotexido”.

Tamén denunciou a actitude “negacionista e neglixente” do PP ante a emerxencia climática: “Non se pode combater unha emerxencia global cun goberno autonómico instalado na propaganda e na improvisación. Necesitamos planificación, prevención e recursos, non máis escusas”.

Axenda municipalista e Pacto de Estado

Na axenda da reunión tamén están cuestións clave como a financiación municipal e autonómica, a cohesión territorial e o apoio aos concellos que asumen competencias impropias sen fondos suficientes. “Os concellos están a soportar cargas que non lles corresponden e que a Xunta non financia. É hora de falar en serio de recursos, de servizos e de futuro para o rural galego”, advertiu Besteiro.

Por último, preguntado polos medios se cree que Rueda estará a favor do Pacto de Estado contra o Cambio Climático anunciado esta mañá por Pedro Sánchez e se o PP estará a favor,  Besteiro foi claro:

“Rueda debe facelo, pero dubido moito que o vaia facer. Levan 17 anos no poder e nin sequera puxeron en marcha as recomendacións que eles mesmos aprobaron. O PP é incapaz de pasar da foto á acción”. Así o dixo nun encontro no que tamén interviñeron a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, a portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista no Parlamento, Carmen R. Dacosta, e o secretario provincial, Álvaro Vila.

Comparte éste artículo
No hay comentarios