O BNG de Camariñas insiste na “necesidade urxente” de mellorar a seguridade e o trazado da estrada DP-1601

Xurxo Rodríguez, voceiro municipal dos nacionalistas, avanzou que presentou este martes 2 de setembro unha moción no Concello na que urxe á Deputación da Coruña a que orzamente, proxecte e acometa a reforma integral da estrada.

O BNG de Camariñas vén de insistir na “necesidade urxente”de mellorar a seguridade e o trazado da estrada provincial DP-1601, que une Ponte do Porto con Camelle, sinalando que non é suficiente un simple asfaltado da vía, senón que hai que acometer unha intervención máis ampla e integral que mellore as condicións de circulación dos vehículos.

A formación nacionalista advertiu que esta vía acumula máis de vinte accidentes de diversa gravidade en menos de dous anos. “Recentemente, nunha das curvas da baixada dende o Rodeiro cara Camelle chegaron a accidentarse ata tres vehículos no mesmo día, e por sorte non houbo que lamentar ningunha desgraza persoal”, sinalou o BNG, que engadiu que “este verán, sen ir mais lonxe e sen ser tempada de inverno, houbo tres sinistros nesta estrada, algún deles de gravidade”.

O voceiro municipal do grupo nacionalista, Xurxo Rodríguez,avanzou que presentou este martes 2 de setembro unha moción no Concello para que a Corporación urxa á Deputación da Coruña a que orzamente, proxecte e acometa a reforma integral da estrada, mellorando o trazado e dotándoa de medidas de seguridade acaídas tendo en conta a normativa actual na materia. 

“Levamos anos advertindo do perigo da vía que une Ponte do Porto con Camelle, onde se soen producir accidentes con frecuencia, algúns deles graves”, afirmou o portavoz do BNG en Camariñas, que insistiu en que hai que investir na estrada DP-1601 “para deixar de ter unha infraestrutura de outra época, sen garantías de seguridade ningunha e que esta a poñer en risco serio a vida das persoas”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios