“O BNG vai chegar até o final para que se esclareza o acontecido, se adopten as medidas correctoras e se asegure que nunca máis se produce unha actuación deste tipo” asevera a senadora nacionalista.
A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar unha batería de iniciativas para reclamar explicacións e responsabilidades polo baleirado da presa das Chás, no concello de Oímbra, que provocou un “auténtico desastre ecolóxico e social” e que tivo consecuencias directas na loita contra os incendios forestais do pasado mes de agosto.
A presa, situada no río Porto do Rei Búbal —afluente do Támega, declarado LIC no 2004 e posteriormente Zona de Especial Conservación no 2014—, foi baleirada a finais de xullo sen comunicación pública nin coñecemento oficial das administracións locais. En poucos días quedou sen auga, afectando gravemente á fauna acuática, á flora de ribeira, aos regadíos e ao abastecemento local.
“Estamos ante unha actuación absolutamente inxustificábel e dunha enorme gravidade ambiental, social e mesmo en termos de seguranza das persoas. Non só morreron miles de peixes e se destruíu un ecosistema, senón que se baleirou a presa no momento de maior risco de incendios, deixando á comarca sen o único punto de carga para helicópteros e motobombas” denuncia a senadora nacionalista.
O incendio do 12-A, sen acceso á auga da presa
O 12 de agosto de 2025 produciuse un dos incendios forestais máis graves da historia recente de Galiza, que arrasou máis de 30.000 hectáreas en Oímbra, Monterrei, Cualedro, Laza, Verín, Castrelo do Val, Trasmiras, Xinzo de Limia e Baltar, ademais de afectar a Portugal.
“A irresponsabilidade foi absoluta: o baleirado da presa impediu cargar auga para os equipos de extinción, dificultando aínda máis a loita contra un lume que deixou feridos de gravidade a brigadistas municipais e destruíu miles de hectáreas de monte e cultivo. Esta decisión contribuíu directamente a agravar a catástrofe” sinala da Silva.
O BNG exixe medidas urxentes e depurar responsabilidades
Ante estes feitos, o BNG reclama ao Goberno que a Confederación Hidrográfica do Douro explique quen deu orde de executar o baleirado, cando se fixo e baixo que xustificación técnica ou legal. A formación nacionalista tamén exixe, ademais, que se investigue o sucedido e se depuren responsabilidades sobre a empresa concesionaria, ENDESA, e sobre os organismos competentes.
“Débense adoptar medidas inmediatas para recuperar a zona e rexenerar o ecosistema danado, así como garantir que, en ningún caso, se volverá a repetir este episodio catastrófico, asegurando o mantemento da presa con caudal suficiente en época de alto risco de incendios” asevera a senadora do BNG.
“Non pode quedar impune unha decisión tan gravemente neglixente. O BNG vai chegar até o final para que se esclareza o acontecido, se adopten medidas correctoras e se asegure que nunca máis se produce unha actuación deste tipo que pon en risco o noso medio ambiente, a nosa economía e a vida das persoas” conclúe Carme da Silva.