O movemento BDS Galiza chama a boicotar o equipo Israel-Premier Tech e o patrocinador Carrefour no paso da Vuelta Ciclista por Galicia

Este boicot deportivo responde ao chamamento global do Comité Nacional Palestino de BDS. A participación do equipo Israel-Premier Tech é vista como un intento de «sportswashing», usando o deporte para lavar a imaxe de Israel mentres comete atrocidades contra o pobo palestino. Desde 2023, máis de 800 deportistas palestinos foron asasinados e a totalidade das instalacións deportivas en Gaza foron destruídas. Permitir que este equipo compita é, para nós, desposuír o deporte dos seus valores e ser cómplice dun xenocidio.

Así mesmo, sinalamos a responsabilidade de Carrefour, patrocinador principal da Vuelta. A empresa francesa mantén acordos comerciais con empresas israelís que operan en colonias ilegais e mesmo forneceu agasallos ao exército sionista en Gaza. A súa presenza no evento deportivo é unha estratexia para limpar a súa imaxe, ao tempo que participa na violación dos dereitos do pobo palestino. Por iso, o boicote a Carrefour é unha parte esencial desta campaña.

Mentres os gobernos e organismos internacionais amosan ineficiencia e se negan a tomar medidas de desvinculación con Israel, a sociedade civil en todo o mundo está a actuar. En Galicia, é o momento de tomar unha postura firme e unirse a esta mobilización global. Unimos a nosa voz á de miles de persoas que xa saíron á rúa en toda a Península para clamar polo boicote.

Desde o movemento BDS Galiza, facemos un chamamento para que a cidadanía galega manifeste o seu rexeitamento á participación deste equipo e patrocinador no seu paso pola nosa terra.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios