Manifesto: un día para reivindicar a lagoa de Antela

Fanse 67 anos do comezo da desecación da lagoa de Antela, a zona húmida de maior valor ecolóxico do país. ADEGA, Grupo Naturalista Hábitat e Sociedade Galega de Historia Natural demandamos aos gobernos español e galego unha aposta ambiciosa pola restauración de zonas húmidas limiás e pola mellora na calidade das súas augas. Galiza, domingo, 7 de setembro de 2025.– Mañá, luns, 8 de setembro de 2025, faranse 67 anos do comezo da desecación da lagoa de Antela. Esta gran lagoa de 3.600 hectáreas, no corazón da comarca ourensá da Limia, foi, historicamente, a zona húmida de maior valor ecolóxico de Galicia. 

Por decisión da ditadura franquista, amparándose nunha lei de 1918, realizáronse obras de desaugamento entre 1958 e 1964 para aproveitar os terreos ocupados pola lagoa para a agricultura, cunha enorme perda de patrimonio ecolóxico e cultural. O resultado foron terras que perderon rapidamente a súa fertilidade natural, e unha decadencia progresiva a nivel socioeconómico de toda a comarca.

A idea dunha restauración hidrolóxica parcial de Antela (e de gran parte da Limia) comezou a coller forza a finais do século XX e comezos do XXI. En novembro de 2020, o Goberno de España recibiu unha proposta titulada “Antela, La Nava y La Janda: un trío de ases”, da man dos grupos abaixo asinantes -xunto a outros 19 colectivos e 31 científicos-. Neste documento propoñíase a restauración parcial da lagoa de Antela, en concreto, 1.028 hectáreas que eran de dominio público no momento do desaugamento (Decreto 2336/1962, do 20 de setembro) e que foron malvendidas a colonos.

Tras unha tímida mención en 2021 á restauración das lagoas de Antela, La Nava e La Janda, a finais de 2022 é aprobado polo Goberno de España o «Plan Estratégico de Humedales a 2030», publicado no BOE nº 301. Nese Plan, dentro do apartado 3, “Mejorar y restaurar los humedales y reducir las amenazas”, está como meta “(…) conseguir restaurar parcialmente antes de 2030 (…) la laguna de Antela y áreas de su entorno en la depresión de A Limia (al menos 500 ha) (…)”.

A pesar de reducir á metade a extensión de zona restaurable que se indicaba na nosa proposta (de 1.028 a 500 ha), e de pasar de concentralas na antiga lagoa de Antela a “difuminalas” en 500 ha da chaira limiá, desde a aprobación do Plan Estratégico de Humedales a 2030 ata hoxe (7.9.2025) non existiu ningunha acción relativa a dito compromiso do Estado na lagoa de Antela. Tampouco o goberno galego se involucrou neste proxecto.

A última novidade en relación coa xestión hidrolóxica da comarca limiá é do pasado mes de xullo, coa publicación da sentenza 00313/2025 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que condena á Xunta de Galicia e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pola súa inactividade e desleixo fronte á contaminación do encoro das Conchas, no río Limia. Os grupos abaixo asinantes consideramos imprescindible para a comarca da Limia e para Galicia que os gobernos español e galego sexan ambiciosos na súa aposta pola restauración de zonas húmidas limiás e pola mellora na calidade das súas augas. En concreto, propoñemos:
 AOS GOBERNOS ESPAÑOL E GALEGO: que dispoñan os medios necesarios para restaurar completamente unha lámina continua de auga estable e de calidade nas 1.028 hectáreas que eran de dominio público na antiga lagoa de Antela, ademais de renaturalizar canles de drenaxe fóra da zona a restaurar pero dentro da antiga lagoa de Antela (arredor de 25 km de canles) e ríos e regatos próximos. Tamén, que garantan a aplicación estrita e inmediata da Directiva Marco de Augas en toda a comarca da Limia, para lograr un estado “bo” de todas as masas e cursos de auga limiás, tanto superficiais como subterráneas.
 Á SOCIEDADE GALEGA: que teña a ben compartir e participar nas actividades que se organicen en relación coa lagoa de Antela en diversas datas marcadas do calendario (Día das Zonas Húmidas, Día da Auga, Día do Medio Ambiente, Día das Aves…), ás que, desde hoxe, propoñemos que se sume o “DÍA DE ANTELA”, a celebrar cada 8 de setembro en conmemoración do día no que a lagoa de Antela perdeu a batalla fronte ao “progreso” mal entendido.

 Asinamos o presente manifesto:

Grupo Naturalista Hábitat
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
Sociedade Galega de Historia Natural

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios