O PSOE da Laracha denuncia o abandono do centro sociocultural de Caión e esixe a súa recuperación inmediata

O Grupo Municipal Socialista da Laracha denuncia o estado de abandono e desuso no que se atopa o Centro Sociocultural da Insua en Caión. Segundo a voceira, Inés Ramos, este espazo público “podería ser de grande utilidade para a veciñanza, especialmente para a rapazada da parroquia”, pero a inacción do goberno municipal o mantén practicamente sen vida.

Críticas á xestión municipal e a falta de servizos

Inés Ramos asegura que as instalacións do centro presentan un estado “lamentable” e están a ser desaproveitadas, a pesar de estar situadas ao carón dun centro educativo con máis de 60 nenos. A voceira subliñou que “se un local público non está aberto á veciñanza, non é servizo, é abandono”.

Ademais, os socialistas critican a contradición de ter un edificio recente como o Centro Sociocomunitario de A Balea, cun investimento superior ao millón de euros, que tampouco se está a aproveitar. Ramos afirmou que “non abonda con construír infraestruturas ou gastar cartos en obras se logo non se lles dá vida”, e sinalou que o centro de A Balea permanece pechado polas mañás e carece dunha programación estable de actividades.

O Grupo Socialista reclama medidas urxentes

Ante esta situación, o Grupo Socialista esixe ao Concello de A Laracha:

  • A posta a punto inmediata das instalacións do Centro Sociocultural da Insua de Caión.
  • A ampliación dos horarios de apertura, incluíndo as mañás do centro sociocomunitario de A Balea.
  • A creación dun plan de dinamización con actividades culturais, educativas e deportivas que respondan ás necesidades da mocidade.

“Non pedimos luxos, pedimos servizos municipais de calidade, accesibles e útiles para a cidadanía”, explicou Ramos, quen concluíu comprometéndose a facer un seguimento da situación para que o goberno local actúe con urxencia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios