O XCM Condado-Paradanta estréase este domingo ao grande

A primeira edición desta proba de BTT Maratón pon en xogo as camisolas do Campionato Galicia.

Ao longo desta vindeira fin de semana celebraranse catro Campionatos de Galicia e un deles disputarase nun evento que debuta ao grande no calendario. O XCM Condado-Paradanta ofrece este domingo un desafío para fondistas do BTT polo sur da provincia de Pontevedra. Na súa primeira edición, o reto proposto pola A.C.D. Sanomedio alcanza os 90 quilómetros na súa ruta longa. 

O percorrido con inicio e final na Praza Maior do concello das Neves transitará polos montes doutros sete municipios das comarcas do Condado e do Paradanta: Arbo, A Cañiza, Covelo, Mondariz, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. Ademais da súa esixencia competitiva, con 2.500 metros de desnivel positivo acumulado, este trazado pon en valor o patrimonio natural e paisaxístico da comarca. A distancia para as categorías femininas e a máster-60 masculina será de 75 quilómetros, cun desnivel positivo acumulado de 1.900 metros, mentres que na alternativa da marcha cicloturistapedalearase durante 50 km. 

A presentación de proba tivo lugar nas Neves coa presenza da concelleira de Deportes, Ana Durán; dos seus homólogos doutros concellos organizadores -Arbo, Salceda de Caselas e Salvaterra do Miño-; do xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides; do vixente campión autonómico elite Brandán Márquez; de representantes da A.C.D. Sanomedio; e do técnico da Federación Ciclismo Galego, Jacobo Ucha. O prazo para inscribirse remata este mércores e xa se anotaron 125 bikers

O ano pasado as camisolas do Campionato de Galicia de BTT Maratón puxeronse en xogo en Cuntis, subindo ao máis alto do podio Néstor Frías en Júnior, David Fernández en Sub-23, Raquel Román e Brandán Márquez en Elite, Manuel Ángel Parada en Máster-30, Diego Álvarez en Máster-40, Antonio Rodríguez en Máster-50 e Óscar Lorenzo en Máster-60.

A cita do Condado-Paradanta inicia unha intensa fase do calendario para ciclistas que teñen como especialidade as longas distancias. O seguinte domingo, o 28 de setembro, o IV XCM Audi SelectionPlus – Concello de Piñor, exercerá de segunda xornada puntuable da Copa Galicia, un certame que concluirá unha semana despois, o 5 de outubro, na XXI Marcha Costa da Morte coincidindo co II Gravel Costa da Morte, ou o que é o mesmo, co primeiro Campionato de Galicia de Gravel.

Comparte éste artículo
No hay comentarios