O Grupo Parlamentario Socialista rexistrou hoxe no Parlamento de Galicia unha solicitude formal para que a Cámara galega garde un minuto de silencio e aprobe unha declaración institucional de condena á masacre en Palestina. O voceiro do Grupo e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou que «o que está a acontecer é unha masacre contra o pobo palestino e ninguén pode manterse neutral».
A iniciativa, asinada por Besteiro, subliña que nos últimos meses a situación «agravouse ata límites insoportables: milleiros de persoas inocentes —entre elas máis de 20.000 nenos e nenas— foron asasinadas, os seus fogares arrasados e as condicións mínimas de vida destruídas». O líder socialista non dubidou en cualificar os feitos como «un verdadeiro xenocidio contra o pobo palestino».
Gómez Besteiro acusou o Estado de Israel de practicar un «exterminio sistemático» con bombardeos indiscriminados e asasinatos diarios de nenos e nenas. «É unha brutalidade que temos que condenar constantemente, sen descanso e sen caer na mínima compracencia», engadiu.
Na súa solicitude, o Grupo Socialista insta o Parlamento a expresar «a solidariedade coa dor que sofren milleiros de persoas, o rexeitamento desta violencia indiscriminada e o apoio aos esforzos da comunidade internacional para acadar unha paz xusta e duradeira na rexión».
Finalmente, Besteiro apelou á sociedade galega e á comunidade internacional, reclamando «un alto ao fogo inmediato» e o respecto ao dereito á vida do pobo palestino. Concluíu subliñando a necesidade dunha «mobilización permanente da sociedade civil e a máxima presión diplomática para parar esta barbarie».