A Xunta urxe ao Goberno central a tomar medidas en materia aeroportuaria que defendan os intereses de Galicia e garantan a equidade territorial

10,15 h.- A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participará na mesa redonda As infraestruturas aeroportuarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, dentro do Foro sobre os aeroportos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. No edificio Quercus. Polígono Costa Vella (rúa Letonia, 6). foto xoán crespo

Judit Fontela destaca como consecuencias da inacción estatal a perda de conectividade, de turismo e de emprego, así como unha menor competencia e atractivo para as empresas.

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou hoxe no foro sobre aeroportos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal organizado polo Club Financeiro de Santiago, onde urxiu ao Goberno central a tomar medidas en materia aeroportuaria “que defendan os intereses de Galicia e garantan a equidade territorial”. Para a directora xeral, o que acontece co abandono dos aeroportos galegos evidencia “a total desconexión do Goberno central coa realidade dos territorios e a falta dunha política de Estado para garantir a cohesión territorial e a igualdade de oportunidades”.

Judit Fontela incidiu na defensa dunha coordinación e xestión conxunta dos tres aeroportos galegos, apuntando que ese plan debe ser pilotalo polo Estado en coordinación cos concellos. Nesta liña, lembrou que existe un Comité de Coordinación Aeroportuaria que presiden o Ministerio e Aena, coa participación da Xunta e dos concellos. “O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible debe exercer as súas competencias e non derivalas a outras administracións”, afirmou.

Para a directora xeral, o recorte de voos e de prazas nos aeroportos galegos feitos por distintas compañías é o resultado dunha política aeroportuaria que prexudica os territorios, con medidas como a suba das taxas e que estas sexan practicamente iguais nos aeroportos sen ter en conta o seu tamaño. Ademais, Judit Fontela lamentou que Aena priorice a busca de beneficios fronte ao interese xeral e a conectividade da poboación galega.

Así, entre as consecuencias desta política sinalou a menor conectividade aérea para Galicia, repercutindo no turismo e na perda de empregos directos e indirectos, e unha menor competencia, provocando o encarecemento das tarifas. Segundo apuntou, estas consecuencias trasládanse tamén ao conxunto da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, coa diminución de turistas que combina visitas en Galicia e o país luso, a perda de atractivo para empresas con intereses en ambos os territorios e menor forza da imaxe transfronteiriza.

Con respecto á proposta dun investimento aeroportuario de 12,8 millóns de euros par ao período 2027-2031 anunciada a semana pasada polo Goberno central, Judit Fontela agardou poder coñecer os detalles no próximo comité de coordinación, avanzou o seu pesimismo, tendo en conta a liña habitual do Ministerio coa comunidade galega.  

Fronte a isto, a directora xeral destacou o labor do Goberno galego na xestión dos transportes da súa competencia e a unión de esforzos con Portugal para demandar infraestruturas estratéxicas esenciais a ambas as beiras do Miño. Así, insistiu na necesidade de avanzar na conexión ferroviaria Vigo-Porto e a inclusión desta conexión na Rede Básica Europea de Transportes.

Sinalou tamén que a Xunta destina este ano 13 millóns de euros á promoción turística, unha promoción en orixe para incentivar os turistas a visitar a comunidade escollendo o medio de transporte que prefiran.

Comparte éste artículo
No hay comentarios