A directora galega Eire Cid é seleccionada no programa Rueda Academia de Cine

A longametraxe Os Reis Imaxinarios, escrita e dirixida por Eire Cid, foi seleccionada como un dos seis proxectos participantes na 4.ª edición do prestixioso Programa Rueda promovido pola Academia de Cine Español co apoio do ICAA.

Este programa de desenvolvemento acompañará aos proxectos seleccionados durante sete meses, mediante traballo telemático e tres encontros presenciais en distintas cidades españolas, facilitando recursos, asesoría e espazos de mentoría para avanzar nos guións.

Os Reis Imaxinarios sitúase nun barrio obreiro de Vigo e segue a historia de Rude, un adolescente tatuado e sensible que navega unha masculinidade fráxil tras a morte do seu mellor amigo. Entre trap, loitas e poppers, Rude terá que escoller entre seguir encaixando ou atreverse a cambiar, aínda que iso signifique estar só.

O proxecto foi seleccionado este ano tamén para o programa TAI INCUBA, un incubador de proxectos cinematográficos en Madrid así como en La Residencia de Navara LNR4, que levou a súa creadora, Cid, a pitchear a súa longametraxe no Festival de Cine de San Sebastián o pasado 21 de setembro xunto a produtora executiva do proxecto, Bea Villar.

O filme está sendo desenvolto por Brava, produtora emerxente galega, e leva tamén o respaldo de AGADIC, AGAG e Conecta LAB. Con esta nova selección en Rueda, Os Reis Imaxinarios suma impulso e visibilidade para consolidarse como un dos proxectos máis prometedores do audiovisual galego contemporáneo.

Eire Cid (Vigo, 1991) é guionista, directora e doutora en Comunicación e Información Contemporánea, especializada en teoría fílmica feminista. Entre os seus traballos destacan os curtametraxes As mulleres salvaxes (2018) e Manifesto (2022), así como a serie web Monstras (2020). En 2023 foi seleccionada en iniciativas como as Titorías AGAG e CIMA Mentoring 1to1.

No 2024 estreou a exitosa serie A Moza que Abortou e o Contou, creada, guionizada e dirixida xunto a Rosalía Quiroga (A Guarda, 1993) e producida por Brava. A serie foi premiada no Festival Carballo Interplay e nominada ao Mestre Mateo 2025, ao tempo que entrou no catálogo da prestixiosa plataforma Filmin, acadando o fito de ser a segunda webserie dirixida por unha muller en galego en estar nunha OTT en España. De novo xunto a Brava, no 2025 estreou o seu primeiro programa de TV, Nail Clue, do que asina idea orixinal, guión e dirección para a CRTVG, dispoñible na plataforma Agalega.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios