O presidente de Camiña Sarria e alcalde de Sarria, Claudio Garrido, vén de contestar ás declaracións realizadas esta mañá polo secretario provincial do PSOE de Lugo e presidente da Deputación Provincial, José Tomé, reprochándolle que “despois de seis anos ignorando, marxinando e prexudicando á veciñanza de Sarria teña a desvergoña de vir agora só para insultar e enfangar”.
“A xente de Sarria coñece ben o desprezo que ese señor de Monforte sente por este pobo e acaba de demostralo unha vez máis, cunha visita exprés só para enfangar e mentir, tras seis anos desaparecido”, afirmou Garrido. “Volveu perder unha boa oportunidade para ofrecerlle á veciñanza de Sarria unha alternativa mellor, tamén con compromisos e investimentos concretos, pero non o fixo nin o fará, porque a ese señor de Monforte o único que lle importa de Sarria son os votos precisos para manter a poltrona da deputación”, remarcou.
Pola contra, Claudio Garrido volveu defender “a solidez dos compromisos adquiridos” no acordo asinado onte co Partido Popular, que suporán investimentos millonarios, e garantiu que “algúns deles comezarán moi pronto a traducirse xa en proxectos e obras tanxibles que mellorarán a calidade de vida da veciñanza”.
“Onte anunciamos un acordo moi positivo para Sarria con total transparencia, sen trampa nin cartón, e por moito que se empeñen Tomé ou o BNG en dinamitalo, a maioría da xente xa está a valorar que é un entendemento bo para Sarria”, argumentou Claudio Garrido. “Quen gaña é a veciñanza de Sarria e o tempo e os investimentos volverán deixar a Tomé en ridículo”, remarcou.
Ademais, Claudio Garrido subliñou que os 15 compromisos que figuran no acordo contan co respaldo de todos os concelleiros e concelleiras do Grupo Municipal de Camiña Sarria, que contribuíron a establecer as prioridades e validaron o resultado das negociacións de forma unánime.