O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na apertura da novena edición das xornadas Cultura e tradición no Camiño, que organiza o Grupo Etnográfico Traxandaina co apoio fundamental do Goberno galego.
A programación inaugurouse cun obradoiro de cestaría e coa intervención de representantes da asociación de teitadores de Piornedo. Tamén se celebrou durante a mañá o primeiro “Filan-doiro San Froilán”, no que varios expertos expuxeron aspectos da historia e a pegada do santo en lugares como a capital lucense ou León.
As xornadas desenvolveranse ata o sábado 11 de outubro na Oficina de Turismo e o Centro de Interpretación do Camiño da Xunta situados no barrio da Tinería, e inclúen unha exposición de corozas, colchas e vestimenta tradicional así como diversos obradoiros artesáns nos que, entre outros, participarán usuarios de centros de maiores e escolares de distintos colexios.