O Rosal estrea unha pioneira Escola da Saúde para promover o benestar entre a veciñanza

Será coa charla sobre ‘A saúde mental na adolescencia’ da man da psiquiatra Iria Veiga. Ás 19 h no Centro Social Polivalente.

Falar de saúde de forma próxima, clara e accesible. Iso é o que busca a nova Escola da Saúde do Rosal, unha iniciativa pioneira que o Concello pon en marcha para achegar á veciñanza información útil sobre patoloxías e situacións cotiás que afectan ao seu benestar. Un espazo divulgativo que responde a unha demanda crecente da cidadanía acerca da saúde e a través da que se ofrecerán charlas periódicas, adaptadas tamén aos intereses e necesidades que rosaleiros e rosaleiras vaian demandando.

A escola comezará a súa andaina este xoves 10 de outubro coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental e farao cunha primeira charla centrada en “A saúde mental na adolescencia”, a cargo da psiquiatra Iria Veiga. O encontro será ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente, con entrada libre ata completar aforo.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou “o valor estratéxico desta iniciativacoa que queremos construír unha vila máis saudable e consciente, ofrecendo espazos de aprendizaxe e diálogo que nos axuden a comprender mellor os procesos que vivimos. A Escola da Saúde supón un paso máis no noso compromiso co benestar integral e a calidade de vida danosa veciñanza”.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, subliñou que se trata dun proxecto pensado para toda a poboación. “Non falamos só de charlas, senón dun espazo vivo, participativo e aberto, no que veciños e veciñas poidan atopar respostas e ferramentas prácticas. Un espazo no que poidamos dar voz aos temas que preocupan á nosa comunidade”, recalcou.

A posta en marcha desta Escola da Saúde encádrase na adhesión do Rosal á Rede Española de Cidades Saudables (RECS), un programa da Federación Española de Municipios e Provincias en colaboración co Ministerio de Sanidade para impulsar a promoción e protección da saúde e do benestar da veciñanza dende o local segundo os principios de “Healthy Cities” da Organización Mundial da Saúde. Esta rede agrupa a máis de 35 millóns de habitantes de 500 cidades e concellos de todo o Estado e traballa de forma conxunta para impulsar políticas locais de promoción da saúde, cohesión social, coidado do medio ambiente e benestar comunitario.

Coa Escola da Saúde, o Concello do Rosal consolida o seu compromiso con ser un municipio que pon no centro ás persoas, a súa calidade de vida e o seu dereito a gozar dun benestar físico, mental e social.

Comparte éste artículo
No hay comentarios