PP e PSOE rexeitaron apoiar unha moratoria para a implantación da eólica mariña e negociar un incremento na cota da sardiña para a frota pesqueira galega.
A moción consecuencia de interpelación defendida polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) no pleno do Congreso sobre as medidas que debe adoptar o Goberno para impulsar o sector pesqueiro galego e garantir o seu futuro conseguiu o apoio da cámara en oito dos dez puntos de que constaba. Luz verde, por tanto, á maioría das medidas presentadas polo deputado nacionalista, Néstor Rego, para apoiar un sector estratéxico para a economía e o emprego na Galiza; a excepción foronos puntos sobre a moratoria para a implantación da eólica mariña e a necesidade de negociar e incrementar a cota da sardiña que PP e PSOE non apoiaron.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, valora positivamente a aprobación dasmedidas urxentes para impulsar o sector pesqueiro galego e garantir o seu futuroproposto pola organización nacionalista e sometido a votación polo pleno da cámara baixa.
“O Congreso falou claro e precísase unha mudanza profunda nas políticas europeas e estatais porque o futuro da pesca galega, se non se mudar o rumbo, está en risco” advirte Rego após a votación da iniciativa.
Recoñecer a Galiza como zona altamente dependente da pesca e reformar a Política Pesqueira Común rexeitando o recorte de fondos previsto para 2028-2034
A moción do BNG aprobada polo pleno da cámara baixa demanda “impulsar a revisión e modificación das bases da Política Pesqueira Común europea, a comezar polo principio de estabilidade relativa” e “avanzar no recoñecemento da Galiza como Zona Altamente Dependente da Pesca e na capacidade de participación directa na toma de decisións en materia pesqueira”.
Do mesmo xeito, o Congreso exixe rexeitar o recorte de 67% ou calquera outro que se poida producir nos fondos europeos destinados á pesca que está a propoñer a Comisión Europea para o novo marco orzamentario 2028-20234.
Eliminar os vetos e aumentar o consumo
Así mesmo, a organización nacionalista consegue o apoio da cámara baixa para reclamar á Unión Europea que abandone a proposta de aumentar o número de zonas vedadas ás artes de fondo e que calquera decisión ao respecto sexa adoptada sobre a base de estudos rigorosos sobre as consecuencias sociais, económicas e para a sustentabilidade e o equilibro dos ecosistemas mariños.
Do mesmo xeito, apróbase apoiar que o Goberno do Estado recorra a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que avala a prohibición de pesca con artes de fondo en 87 zonas do atlántico, sen que estivese sustentada en informes científicos rigorosos, sen ter en consideración as consecuencias económicas e sociais e ademais equiparando o palangre ao arrastre de fondo.
“Reducir o IVE aplicado ao peixe e produtos pesqueiros até 0% por tratarse dun alimento básico e de primeira necesidade dados os beneficios demostrados que este alimento ten nunha dieta sa e sustentábel, a súa contribución á redución do gasto sanitario, ademais do efecto positivo no aforro das familias e na dinamización económica do sector da pesca, tal e como acreditan numerosos informes e estudos” foi outro dos puntos que o pleno do Congreso aprobou, a pesar do voto en contra de PSOE e SUMAR.
Garantir a cobertura dos centros do ISM na Galiza e cumprir a Lei de Pesca
“Dar cumprimento aos mandatos da Lei de Pesca Sustentábel e proceder a elaborar un Catálogo de Enfermidades Profesionais das persoas traballadoras do mar; promover, mediar e favorecer a consecución de convenios colectivos que garantan condicións laborais dignas ás persoas tripulantes e remitir ás Cortes unha proposta para o estabelecemento dun procedemento telemático e/ou electrónico que se adapte ás necesidades propias do persoal embarcado que non pode acceder ao sistema de voto por correo pola estancia en alta mar”: un punto que contou co apoio unánime da cámara baixa.
Ademais, outra das cuestións aprobadas foi a de manter abertas todas as oficinas do ISM na Galiza, reforzando e dotándoas de persoal para poder prestar adecuadamente os servizos.
Os puntos que PP e PSOE non apoiaron: moratoria para a eólica mariña e a sardiña
Lamentabelmente, as forzas estatais con representación na cámara galega -PP e PSOE- non votaron a favor de dous puntos da iniciativa. Por unha parte, a moción do BNG pedía “acordar unha moratoria do desenvolvemento da regulación da produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovábeis en instalacións situadas no mar até que as análises e informes que está a desenvolver o IEO sobre os impactos negativos no sector pesqueiro e os ecosistemas mariños estean finalizados”.
Así mesmo, PP e PSOE non votaron a favor de realizar as accións precisas ante a Unión Europea para lograr que se incremente a cota da sardiña para 2026, negociar un reparto de sardiña con Portugal para o novo acordo bilateral equilibrado e tendo en conta o número de buques e tripulantes de cada un dos dous Estados, realizar unha nova distribución da cota da sardiña entre as zonas 8c e 9a proporcionada e atendendo ao número de buques e de tripulantes de cada unha delas e eliminar calquera tipo de compravenda das posibilidades de pesca.