Contundente derrota do Ineltrón Santo Domingo Betanzos en Salamanca

114-69: O Perfumerías Avenida non dá opción ningunha aos betanceiros.

Podería dicirse que o rival non era da “liga” dos betanceiros, pero iso non quita a o duro golpe recibido polos de Jose Amando “Soviético” e Alberto Caamaño “Jimbo” o serán do sábado en Salamanca. Corenta e cinco puntos de desvantaxe, por moito que sexa contra un dos equipos favoritos ao Play-off de ascenso, son moitos puntos como para poder descubrir algunha nota positiva na xornada. É que, quitando os primeiros compases do partido, e un momento no terceiro cuarto no que os de Betanzos deixaban un -15 no marcador logo de ir perdendo por 25 puntos, os xogadores do Ineltrón Santo Domingo nunca deron a sensación de querer competir o partido. O Perfumerías Avenida, netamente superior no xogo interior (45 rebotes fronte a 30 dos betanceiros), obrigou a intentar sorte dende o perímetro e cando ese é o único recurso ofensivo hai que encomendarse aos bos números para sacar algo positivo. Porén, iso non foi remotamente así: o 6 de 33 no tiro de tripla fala ben do naufraxio galego en terras salmantinas. Se a iso se suman 19 balóns perdidos e un modesto 17/41 en tiros de dous.

Polo que toca ás achegas individuais, Abelleira volveu ser o máximo anotador do equipo (17 puntos e 21 de valoración), seguido de Aarón Gómez (o único que salvou o tiro exterior con 4 triplas convertidas) con 13 puntos e Dani Martín con 10. Porén -é de imaxinar- esas aportacións non foron en absoluto suficientes para parar o ciclón local: facendo bo o scouting, Aamari Smith sumou 28 puntos, 22 Choithramani e 21 o guineano-americano Kourouma.

O adestrador betanceiro tíñao claro: “Foron superiores a nós en todas as facetas do xogo, sobre todo no rebote ofensivo que lles permitiu ata tres opcións de tiro en cada ataque. Por outra parte, no primeiro cuarto non fomos capaces de anotar tiros completamente sos. En fin: “unha derrota que nos ten que servir para mellorar de cara aos próximos partidos”.

O rival da semana vindeira (domingo 17h) non é un rival calquera: Ucoga Chantada.

Comparte éste artículo
No hay comentarios