Vinte privilexiados anos. Por @DulceCorcu

Está de aniversario hoxe Leonor de España, pretendida aspirante ao trono cando seu pai abdique coma o avó, ou morra coma os reis de toda a vida. Din que ela se está a preparar para ese momento e así o vemos na prensa cortesana e na catalogada como «seria», vestida con variopintos uniformes ou sentada nalgunha avioneta facendo como que pilota. De cando en vez, tamén nos le algún descurso para concienciarnos do difícil que o ten a xuventude -non falará por ela- e de que non pasa nada porque somos españois. E a emoción de contemplar a bandeira que nos acubilla a todos xa cura de males maiores. 

Vinte anos cumpre, despois dunha educación nun pazo que se non é coma os dos contos, pois parecido, con colexio privado e estancias no estranxeiro para perfeccionar línguas e coller mundo, indispensables para o cargo que seica algún día ocupará, con tarefas tales como figurar nas recepcións e estender a man para saúdar a presentadores de televisión, modelos e xente da «alta suciedade» que diría Andrés Calamaro. Tamén políticos, claro, pese a que a monarquía non vota pero é incapaz de disimular as súas preferencias. Para que, se total eles non teñen que someterse cada catro anos ao escrutinio do polulacho, abóndalles o sangue azul e o dedo do ditador Franco para manterse na xefatura do Estado noutro deses anacronismos que tanto abundan na democracia española. Como Fraga demócrata da maña á noite. Ou os xuíces do tribunal de Orde Popular campando as súas anchas naquela «renovada» e imparcial xudicatura que aínda mantén os seus coletazos na actualidade. Leonor é a herdeira deses tempos que nos queren vender como normalidade e modernez, unha chavala do seu tempo, soen dicirnos desde as poltronas rexias. Pero as chavalas e chavales deste tempo non gozan do privilexio dunha vida asegurada. De serventes, asignación mensual por ser quen é ou postos «ad hoc» para que faga que serve aos súbditos dunha monarquía que ningún español ou española tivo oportunidade de elixir ou desbotar. Que os referéndums os carga o diaño. Do que tampouco ten que preocuparse Leonor é de ter casa, deixarse o soldo nun aluguer ou compartir vivenda aínda que peines canas. Vinte anos sen coñecer a necesidade nin matarse por unha oposición. Aforrar como condenados traballando de camareiros no verán para permitirse algunha viaxe, estudar coma tolos para optar a unha beca e facer unha carreira onde aprenderás que na Constitución Española hai artigos que din que todos somos iguais ante a lei, e temos dereito a unha vivenda digna mentres Leonor escacha ca risa. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios