Nova vitoria para unhas azuis que durmen unha semana máis como líderes despois de sumar os tres puntos na Tilleira. Unha gran Yara que facía dous goles e un equipo que se sinte cómodo e forte, cunha mesturada plantilla de xente moi xove e outra máis experimentada que cada ano compite no grupo de cabeza.
Este domingo viaxaban a Dubra e pese a unha primeira metade apática, o gol de Yara sobre a media hora poñía de cara o partido para as camariñanas. Na volta de vestiarios si pisaban o acelerador e, despois de varios rexeites na área, Laura Pose facía o 0-2 que desmoronaba máis aínda ás locais, que apenas conseguían achegarse aos dominios de Desirée. Cando se cumpría o último cuarto de hora do encontro, chegaba o outro golazo de Yara a balón parado para ese 0-3 definitivo que valía para seguir afianzando o seu liderado.