O BNG esixe máxima colaboración e actuacións urxentes para protexer a bacía do arrastre de cinzas tras os grandes incendios

Carme da Silva reclama medidas inmediatas e coordinación entre administraciónspara garantir o abastecemento de auga potábel e frear o impacto ambiental.

A senadora do BNG, Carme da Silva, rexistra iniciativas para urxir o Goberno do Estado a levar a cabo medidas inmediatas ante o arrastre de cinza após os grandes incendios da época estival. A organización nacionalista reclama coordinación entre administracións para protexer a bacía e sinala que tanto a Xunta de Galiza como o Goberno do Estado teñen competencias na materia e “deben frear as consecuencias dos grandes incendios forestais deste verán que afectaron con especial gravidade ás comarcas ourensás”.

“Estamos ante unha situación de emerxencia ambiental e sanitaria que require actuacións inmediatas e coordinadas. Non se pode mirar cara a outro lado e botar a culpa á outra administración mentres as cinzas dos incendios chegan aos ríos e mananciais que abastecen á poboación” advirte a senadora do BNG.

Carme da Silva lembra que a CHMS ten competencias directas sobre o coidado da cunca hidrográfica e as súas marxes e que, por tanto, “non pode desentenderse dun problema que pon en risco tanto o abastecemento humano como o equilibrio ecolóxico dos ríos”.

“Non abonda con recoñecer o problema; é preciso actuar xa. A veciñanza dos concellos ourensáns afectados ten dereito a unha auga limpa e segura, e as administracións teñen a obriga de garantirllo” afirma a senadora nacionalista.

Así mesmo, insiste en que a resposta institucional debe ser inmediata e baseada na cooperación, porque “as competencias están repartidas, pero a responsabilidade de protexer o medio ambiente e o benestar da poboación é compartida”.

“O que non pode pasar é que Xunta e Estado se pasen a pelota mentres as cinzas seguen baixando polos ríos. Precisamos un traballo conxunto, con medios e planificación” denuncia Carme da Silva.

Medidas a desenvolver por parte do Estado

No concreto, a frente nacionalista demanda á Confederación Hidrográfica publicar un informe coas medidas desenvoltas até o momento para evitar o arrastre de cinzas e restos vexetais ás marxes e leitos dos ríos Miño e Sil. “Debe aclarar o investimento realizado e previsto para minimizar os efectos dos incendios sobre a cunca hidrográfica, detallando as partidas e os proxectos executados e atender as denuncias e alertas dos municipios, adoptando medidas específicas para impedir que o arrastre de cinzas continúe deteriorando as captacións de auga potábel e provoque un maior impacto ambiental” engade a senadora do BNG.

Do mesmo xeito, subliña Carme da Silva, débense despregar actuacións adicionais e urxentes de limpeza e estabilización dos solos nas zonas máis afectadas polos lumes.

Por último, insiste a senadora nacionalista, debe haber unha auténtica coordinación entre as administracións con competencias -tanto Xunta de Galiza como cos concellos afectados- especialmente na comarca de Valdeorras co obxectivo de garantir unha resposta eficaz e evitar duplicidades ou inaccións.

Comparte éste artículo
No hay comentarios