José Tomé Roca preside en Lugo unha nova reunión comarcal para reforzar o traballo político na capital e nos concellos da contorna

 O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, José Tomé Roca, e a Vicesecretaria Xeral e Secretaria de Organización, Pilar García Porto, presidiron este martes na sede provincial unha nova reunión comarcal centrada na área de Lugo, co obxectivo de reforzar a coordinación no territorio e avanzar na planificación de cara aos vindeiros meses. O encontro contou coa participación da coordinadora comarcal, Ana Mª Abelleira, así como de alcaldes, voceiros e secretarios xerais das agrupacións de Lugo, Castroverde, Friol, O Corgo, Outeiro de Rei e Guntín.

Durante a sesión analizouse o contexto político da comarca, poñendo o foco no Concello de Lugo, onde o goberno socialista está a consolidar “un proxecto sólido, estable e con prioridades claras para a veciñanza”. Tomé subliñou que Lugo “é hoxe unha cidade que avanza, con planificación, rigor e servizos públicos que funcionan e melloran a vida da xente”. Engadiu que “grazas ao traballo do executivo socialista, Lugo continúa progresando e consolidando un modelo urbano moderno e con ambición”, e destacou que o PSdeG-PSOE “segue sendo a forza que garante estabilidade, visión de cidade e avances reais na capital”.

Fronte a este modelo de xestión, Tomé Roca criticou con contundencia a actitude da portavoz do PP, Elena Candia, á que acusou de “carecer dunha proposta para Lugo e dedicar máis tempo á confrontación que ás solucións que a cidade precisa”. Lembrou que Lugo “leva anos padecendo o abandono da Xunta, con investimentos que non chegan e anuncios que nunca se cumpren”, e lamentou que “Candia prefire facer oposición desde o ruído no canto de esixir ao seu partido que cumpra coa capital da provincia”.

O Secretario Xeral insistiu en que esta falta de compromiso “non é nova”, lembrando que “a Xunta excluíu a Lugo de fondos clave, deixou proxectos sen executar e mantén paralizadas actuacións esenciais para a cidade. Ante isto, Candia cala. Sempre ten algo que dicir, salvo cando o que toca é defender Lugo ante o PP”.

Así mesmo, este encontro serviu para avanzar na preparación das candidaturas municipais dos concellos da comarca. “Imos presentar os mellores equipos e as mellores propostas adaptadas a cada realidade local, elaboradas da man das agrupacións e escoitando á cidadanía. O obxectivo é claro: consolidar os gobernos socialistas onde xa demostramos eficacia e recuperar aqueles concellos que precisan abrir unha nova etapa”, engadiu o líder provincial.

Pola súa parte, Pilar García Porto puxo en valor “a implicación e a capacidade de análise das agrupacións”, e subliñou que este ciclo de encontros “está a renovar enerxías, a abrir espazos de diálogo e a marcar prioridades compartidas que reforzan o proxecto socialista en toda a provincia”.

Esta xuntanza en Lugo consolida o percorrido comarcal da Executiva Provincial, tras as reunións na Mariña, na Terra Chá e no Suroeste, e reafirma a vontade do PSdeG-PSOE de Lugo de “seguir traballando con rigor, proximidade e planificación para ofrecer unha alternativa seria, útil e de futuro en todos os concellos da provincia”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios