Arteixo Futuro demanda máis limpeza viaria ante a aparición de ratas nas rúas de Arteixo

A plataforma Arteixo Futuro ven de demandar un reforzo dos turnos de limpeza viaria e melloras humanas e técnicas no servizo municipal de Arteixo perante o “paseo” de ratas polas rúas da localidade dun xeito cada vez máis habitual.

Este video do “avistamento” supera xa as 5.000 reproduccións e xa foi compartido ducias de veces por usuarios e usuarias da localidade, como amosan as estatísticas da propia rede social onde se publicou.

O colectivo sinala que estas aparicións poden estar vencelladas a diferentes causas, dende a falta de limpeza das beirarrúas, colectores do lixo mal pechados ou mesmo lixo tirado no propio chan.

Neste senso a acción do Concello de Arteixo podería imitar ás campañas de baldeo que xa se fan noutras localidades, xa que a maquinaria de limpeza non pode pasar por todas as beirarrúas pola súa estreitez ou ben mal estado, con losas rotas, e algunhas das zonas evidencian a necesidade de uso de auga a presión.

A maiores consideran necesaria a implicación do Goberno local no deseño e aplicación de campañas de sensibilización que incidan no correcto uso dos colectores do lixo e dunha problemática crecente: as persoas que non recollen as deposicións dos cans e converten cada rúa nunha “ginkana”, en especial para persoas maiores, aquelas en cadeira de rodas e nenas e nenos.

O think tank local insta  ao goberno de Arteixo á máxima atención a todos os núcleos que conforman a localidade, para que ningunha veciña nin veciño poida sentirse abandonado ou pouco escoitado pola administración local.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios