Saibran presentará en Santiago o seu álbum debut

Cibrán García, Julián Goicoa e Fiz García darán a coñecer o primeiro disco da formación a través dun directo dinámico, con instrumentación de baixo e batería, no marco do Mercado da Estrela.

Saibran, o novo proxecto musical conformado por Cibrán García (Boyanka Kostova) e por Julián Goicoa e Fiz García (Mundo Prestigio), presentará en directo o seu primeiro disco, Atardecer harmonioso con gotas de primavera, o 20 de decembro en Santiago de Compostela.  

O álbum debut de Saibran, que verá a luz o 5 de decembro, forma parte dunha triloxía que editará o selo galego Tremendo Audiovisual e que transita, temporalmente, desde o solpor (primeiro disco) até o amencer (terceiro). Son as vivencias de quen sae da súa casa contra última hora da tarde, sen máis pretensión que ver ás amizades pero que, cando regresa, xa alboreceu. A tríade percorre os sons, ritmos e acontecementos que agroman desde os momentos cotiás até os de introspección. 

Tal e como avanzou Saibran nas últimas semanas, cada disco conta cun estilo, temática e produtor diferente. Este primeiro álbum, Atardecer harmonioso con gotas de primavera, é unha produción de Mundo Prestigio. A nivel estilístico é o que se achega ao rap máis clásico -con 90/100 BPM- e conta no numerosos instrumentos gravados analóxicamente. Nesta primeira “parte da noite”, o álbum máis luminoso da triloxía aborda cuestións máis cotiás, do día a día, antes de pasar á un nivel máis cru e escuro, no segundo álbum, máis urbano e electrónico (Møu) e o terceiro (Juait e crnds), máis experimental. 


A estrea ao vivo de Atardecer harmonioso con gotas de primavera chegará na noite do sábado 20 de decembro en Santiago de Compostela, no marco da celebración dunha nova edición do Mercado da Estrela. Será un directo dinámico, que contará coa instrumentación analóxica que se poderá escoitar no disco e que xa se avista nos videoclips: Cibrán como MC, Ju no baixo e Fiz na batería.

Prevenda do vinilo e do merchandising oficial de Saibran

A partir do luns 1 de decembro, ás 12.00 horas, activarase na web do selo Tremendo Audiovisual a prevenda do vinilo Atardecer harmonioso con gotas de primavera  e do merchan oficial de Saibran deseñado por Maru Astray -da man da marca galega Zico- para este lanzamento.  

‘ATARDECER HARMONIOSO CON GOTAS DE PRIMAVERA’, LP DE SAIBRAN
Lanzamento: 5 de decembro.
Prevenda de vinilo e merchan: a partir das 12.00 horas do 1 de decembro na tenda dewww.tremendoaudiovisual.com

Presentación en directo:
20 de decembro en Santiago de Compostela (Mercado da Estrela) 

Comparte éste artículo
No hay comentarios