O Racing marchou da Copa con outro partido cheo de intermitencias fronte ao Huesca, dunha categoría superior. Un erro de Edgar, aproveitado por Ángel Pérez ao cuarto de hora, levou aos ferroláns a reboque. Os pupilos de Pablo López, a quen o escaso público volveu pedirlle que marche, melloraron coas substitucións do segundo tempo. Cando os verdes xogaban mellor, pudendo empatar cun xute de Gelardo ao pau, chegou o 0-2. Ntamack materializouno á contra. O conxunto galego tentou o gol, pero Dani Martín, anulou todos os disparos locais. O Huesca estará no sorteo para os dezaseisavos de final, no que o Racing faltará logo de dúas temporadas.
Outro erro de Edgar
O máis salientable do Racing, no medio da cantidade de modificacións polas rotacións, foi a presenza de Dacosta pola banda dereita. O cadro da cidade naval tivo o control do partido no primeiro cuarto de hora, pero sen capacidade para crear perigo ante un Huesca organizado.
Un error de pase de Edgar, cortado por Sielva na metade da parcela racinguista, continuou cun servizo para a entrada de Ángel Pérez, que só tivo que entrar na área e xutar cruzado á rede (0-1)
O gol non mudou o partido. As circulacións lentas do Racing permitían unha defensa cómoda ao Huesca. O cadro altoaragonés facía dano con pouca cousas. No minuto 40, Ángel Pérez foi a por un pase profundo, salvou a saída de Lucas, e limitado no ángulo de tiro, optou por colocar la pelota a área. O seu equipo estaba moi descolgado e a zaga local sacou o coiro de diante do marco.
Melloría que non abonda
David Carballo ficou no vestiario e o Racing recolocou xogadores. O novo, Pascu, quedou na dereita, Dacosta foi á esquerda e Azael atrasou a posición para manter o debuxo.
Nos visitantes, a presenza de Jesús Álvarez por Sielva mudou a distancia na presión, que os azul e granate iniciaron máis arriba.
O Huesca estivo a piques de anotar ao pouco de comezar o segundo tempo. Ían 48 minutos e tiraron de estratexia nun córner. Ángel Pérez saíu da área para recibir perto do bico da frontal e o seu disparo, controlado e xutado por Ntamack perto do punto de penalti, foi detido por Lucas.
O Racing respondeu cun disparo de Dacosta desde a frontal, pero Dani Martín chapouno con seguridade. O ourensán tentouno de novo no 54, cunha penetración na área rematada cun disparo desviado.
O partido perdera control e Lucas salvou ao Racing do segundo aguantando dúas veces os disparos á curta de Ángel Pérez. No minuto 57, unha acción ao límite entre Azael e Dacosta deixou libre o balón para Gelardo, que xutou á base do pau desde fóra da área.
Superada a hora, Escobar cabeceou a rentes da trabe un centro de Leal.
O Racing volvérase dominador e Azael, no minuto 67, cruzou desde fóra ás mans de Dani Martín.
Pablo López aumentou o potencial ofensivo do equipo coa entrada de Jairo e Peña. Escobar, rematou de cabeza un córner lanzado por Dacosta e o meta visitante volveu chapar.
O Racing descoidou de novo os espazos. Portillo, en propio campo, viu a carreira de Ntamack, que chegou a área, non puido disparar en primeira instancia, pero parou, atopou mellor ángulo entre os dous defensas que o tapaban, e bateu a Lucas no minuto 72.
Non perdeu o Racing a intención de seguir atacando. De feito, a entrada de Álvaro levárao momentos antes a xogar con dous puntas. Dani Martín despexou un xute escorado do ilicitano e logo parou outro de Peña. Tamén Enol puido facer o terceiro para o Huesca á contra. Lucas rexeitou o disparo na área de Ntamack e Enol mandou o seu por riba do marco.
Ao final, con catro minutos de prolongamento, o Racing despediuse do torneo do KO ao deixalo na lona o Huesca, que non precisou de moito para consolidar o seu pase a dezaseisavos de final.
Ficha
MARTES 02/12/2025 (19,00) Campo: A MALATA (1.500)
RACING C. FERROL : 0 – S.D. HUESCA : 2 (0-1)
RAC : Lucas; Leal, Edgar, Zalaya, Saúl (Álvaro Ramón 62’); David (Pascu D), Gorostidi, Gelardo (Jairo 68); Dacosta (Álvaro 74’), Escobar, Azael (Peña 68’). Tre. Pablo López. (Banco: Parera (g); César (g); Mardones; Álvaro Juan).
HUE : Dani Martín; Carrillo, Hugo Pérez, Arribas, Ro; Luna (Chatíliez 61’), Sielva (Jesús Álvarez D), Manu Rico (Kortajarena 74’); Ángel Pérez (Portillo 61’), Ntamack, Enol (Albarrecín 80’). Tre. Bolo. (Banco: Juan (g); Jaime (g); Íñigo; Alonso; Ojeda; Enrich).
Goles: 0-1 Ángel Pérez 15’; 0-2 Ntamack 72’.
Árbitro: Cid Camacho (Castela e León). Auxiliares: López Freixa e Pescador Hernández. 4º árb.: Arenas Mora.
Disciplina: CA: Hugo Pérez 57’; Dacosta 65’’.