Un contundente 0-18 no último cuarto, aplacou a reacción do Geas e deu ao Baxi Ferrol a sétima vitoria desta temporada na Eurocup feminina. O cadro ferrolán sufriu no primeiro cuarto, gañado polas italianas. Logo, as de Lino López foron aumentando a intensidade até asoballar ao rival no derradeiro segmento de partido. Blanca Millán e Joiner salientaron á fronte dun grupo compacto. Lino López falara que a chave do partido estaba na defensa e as italianas só anotaron cinco puntos nos oito minutos finais. O Baxi Ferrol deberá corroborar o pase a oitavos de final o xoves da próxima semana na Malata.
Intermitencia
As defensas impuxéronse aos ataques nos primeiros minutos. O cadro italiano estivo algo mellor e con máis capacidade reboteadora. Dous minutos e corenta segundos tardou o cadro galego en abrir o capítulo anotador grazas a dous tiros libres de Joiner (5-2). O mellor dos primeiros tres minutos foron as dúas faltas de Moore. Aconteceu xusto antes que os dous equipos acertaran coas triplas.
Logo dos primeiros cinco puntos de Joiner, Erjavec abriu a quenda anotadora do resto de xogadoras do equipo, continuado por un tres máis un para Joris co que o Baxi Ferrol sumaba a súa segunda vantaxe no xogo (9-11). Lino Lopez acelerou as rotacións no momento máis doce das ferrolás no primeiro cuarto.
Unha tripla de Cornelie e outra anulada a Erjavec devolveron a vantaxe ás locais durante os seguintes minutos. Os libres equilibraron o electrónico. A propia base do equipo galego, anotou un dos dous que dispuxo, e fixo pleno para igualar a 14 a dous minutos do remate do cuarto.
Un bloqueo de Cancelli, co que cometía a segunda persoal, facilitou que o Baxi Ferrol mantivera unha desvantaxe controlable, que foi reducida a dous puntos logo da asistencia de Melia a Sánchez-Ramos coa que rematou o período (18-16).
O derradeiro minuto rebaixa a boa defensa ferrolá
Sánchez-Ramos tamén anotou a primeira canastra galega do novo cuarto, A ex universitaria de Wyoming respondía a unha anterior de Scott. Unha falta dobre a Melia e Cornelie precederon á única tripla de Samson no xogo. Tras unha grande defensa individual das cinco do equipo galego, Samson ampliou a vantaxe cun dous máis un (20-24).
Despois, Joris anotou outra tripla e o Baxi Ferrol alcanzara a máxima vantaxe. Malia ao atasco ofensivo, as galegas aplicábanse na teima de Lino López para este choque: a defensa. Outro erro no lanzamento de Kacerik fixo que Cinzia Zanotti gastara o primeiro tempo morto. Moore cortou a brillante xeira visitante cun acerto pisando a liña de tres. Daniels, que respondera, completou a secuencia cunha tampa sobre a confiada Moore e
Blanca Millán, desde os libres, ampliou outro pouco a vantaxe ferrolá, que chegou aos dez cunha tripla de Erjavec (24-34).
Tras minuto e medio sen puntos, outro roubo de Blanca Millán a Conti devolveu os dez arriba, Con eles chegou unha fase de reparto de acertos en cada ataque.
O derradeiro minuto comezou cunha tripla de Moore e rematou con outra de Roumy (34-38). Un tempo duplicado por Lino López deu a derradeira posesión ao seu equipo, na que o lanzamento incómodo de Joris bateu no aro.
O erro rebaixoulle o índice de eficiencia, pero seguía sendo a máis valorada do Baxi Ferrol con oito unidades. A do partido era a norteamericana Scott liderando ás locais con trece. Os baseou nos dez puntos, cinco rebotes e dúas asistencias.
O bo comezo facilita un cómodo cuarto
Menos de dez segundos demorou Blanca Millán en anotar de tres no comezo do terceiro cuarto. Logo foi Erjavec, que nunha entrada fixo o 0-5. A continuación, a sabedoría intuitiva de Joiner ampliou o parcial a 0-7. Scott parouno desde a media distancia e Moore axudou outro pouco no seguinte ataque local (38-45).
Dous minutos de acertos ofensivos en cada ataque elevaron os díxitos a 42-53. Daniels estaba brillando na anotación cando o Baxi Ferrol perdera a cualidade defensiva ante unhas poderosas Scott e Moore.
Afortunadamente, unha acción na pintura de Daniels colocou á súa compatriota rival con tres faltas. Dúas de Melia moi desafortunadas, porque o seu bloqueo ilegal anulou unha tripla de Joiner e fixo a cuarta sobre unha tripla de Cornelie, rebaixaron a diferenza a 53-58. Sánchez-Ramos, con Scott pegada, anotou a derradeira canastra do cuarto.
Superioridade definitiva
O último cuarto comezou como o primeiro, cun 5-0 a prol das transalpinas polo acerto de dous de Scott e de tres de Attura (58-60). Tres minutos tardou o Baxi Ferrol en atopar a Daniels na pintura para lograr os primeiros puntos. Os dous equipos apertaron a defensa con marcaxes individuais duras, axudas e erros nos lanzamentos máis liberados desde lonxe.
Daniels, con dúas canastras baixo a taboleiro, estirou a oito a diferenza (58-66). A reacción do Geas parecía controlada. A entrada de Blanca Millán e Joiner aumentaran a cualidade defensiva do conxunto ferrolá. Joiner volveu a pór a pelota entre a rede con outra tripla. Ademais, Rodríguez tivo os seus mellores minutos antes de anotar a súa única canastra aproveitando a asistencia de Joiner.
O Baxi Ferrol albiscaba o triunfo cun 58-71 a 3:54. Zanotti pediu tempo para que a volta non se convertera nunha visita estéril a Ferrol. Erjavec, nunha entrada con bandexa, ampliou o parcial a un 0-18 co equipo chegando aos vinte de vantaxe por primeira e única vez (58-78). Attura quebrou a secuencia a menos de dous minutos do final. Finalmente, Blanca Millán coroouse como mellor xogadora do partido completando a última tripla do xogo para fixar un 62-81 que deixa o partido do xoves da próxima semana coa dúbida sobre cal diferenza final que poña ao Baxi Ferrol nos oitavos de final.
O rival do vencedor será quen venza no duelo entre o Emlak Konut e o Perfumerías Avenida, que comezan a eliminatoria mañá, 11/12/2025, en pista turca.
Ficha
MÉRCORES 10/12/2025 (18,00) Pavillón: SALVADOR ALLENDE (Cinisello Balsamo-Italia) (150)
GEAS : 62 – BAXI FERROL : 81 (18-16) (34-38) (53-60)
GEA : Scott (19), Roumy (11), Attura (14), Cornelie (3), Moore (7) – cinco inicial -, Conti (0), Kacerik (0), Trucco (8), Cancelli (0). Tre. Cinzia Zanotti. Non xogaron: Magni, Ostoni.
BAX : Erjavec (14), Joiner (14), Blanca Millán (15), Joris (7), Daniels (15) – cinco inicial -, Sánchez-Ramos (6), Samson (6), Šotolová (0), Melia (2), Rodríguez (2). Tre. Lino López.
Árbitros: Coanus (Francia), Mohorić (Eslovenia), Vlahović (Serbia).
Eliminadas: Non houbo.
Foto: Melia carimba unha tampa na cara de Cancelli. © FIBA