Un Deportivo B de escasa bagaxe futbolística caeu ante o Burgos, que só precisou orde defensiva e o mínimo acerto, nunha das súas escasas chegadas, para levar os puntos do Arsenio Iglesias. Ángela, aproveitando o espazo concedido pola zaga local, fixo o único gol do encontro no segundo tempo. A orzanista Ade estrouse cun Deportivo B que só sumou un punto nos últimos catro partidos.
Sen profundidade
Deportivo B e Burgos comezaron o partido con tímidas aproximacións ás áreas. Centros laterais e un par de disparos por bando que non inquietaron ás porteiras. A máis activa no lado herculino foi Lucía Rivas, que incluso probou desde os dous flancos, aproveitando o primeiro saque de esquina, sacado en curto por Marta Rico desde a dereita do ataque. Os dous disparos burgaleses foron das súas puntas, Aitana e Cata, que quería prolongar o bo momento logo do seu dobrete ante o Celta da pasada semana.
A situación máis comprometida da primeira media hora viviuna Antía Veiga, que a resolveu sacando os puños baixo a trabe para afastar un saque de esquina lanzado por Irene desde a súa dereita. Pouco despois, tras a acción defensiva deportivista, rexeitando outro córner desde o outro recanto, a meta local debeu estirarse até o pau para tapar un xute desde a frontal de Ane, que se perdeu pola liña de fondo.
Devolveulla Apóstol nunha situación idéntica, pero o disparo foi desviándose no seu vo aos 31 minutos. Dous máis tarde, Daniela apuntou mellor, malia que tamén por fóra, nun golpeo desde a media lúa.
Ángela rebenta un partido trabado
Sandro Nogueira debeu substituír no descanso a Lucía Rivas para que a de Caldas saíra co primeiro equipo camiño de San Sebastián. Laura Otero saíu como punta, desprazou a Sonsoles á dereita e Apostol mudouse á esquerda.
Aos sete minutos, un contratempo non pactado fixo que Emma Gandoy substituíra a Noe Mayo, con molestias musculares.
O xogo trabárase na parcela central co Deportivo B tomando a iniciativa. A falta de precisión converteuse en habitual e así era complicado enfiar xogadas. Un centro desde a esquerda recollido por Neike, un disparo frouxo e desviado de Sonsoles facían que os ataques locais non deran para moito máis.
O Burgos recuperaba cómodo na súa frontal e na única saída en quince minutos, Ángela precipitouse nun saque de falta dentro da área herculina por unha cesión de Emma Gandoy a Antía Rivas. A acción valeulle ao Burgos para adiantar liñas e complicar a saída de xogada ao cadro galego.
Ángela non errou no minuto 65, desmarcouse ante o espazo que lle ofrecían Emma Gandoy e Mariño, recibiu orientando a condución á área e cun disparo que chegou a tocar Antía Veiga puxo por diante ás castelás.
A penúltima baza para evitar a derrota gastouna Sandro Nogueira a un cuarto de hora para o remate coa entrada de Laurita por unha apagada Daniela.
Ao minuto, Apóstol colocou un centro xute atallado por Neike perto da trabe. Non houbo moito máis até o prolongamento, cando a ex porteira do Pradejón evitou o empate metendo a man a un potente disparo desde lonxe de Carballada.
Tamén Antía Veiga sacou en dous tempos un lanzamento de Morgana, que se beneficiou dunha posición irregular que non apreciou a asistente.
Ficha
SÁBADO 13/12/2025 (12,00) Campo: ARSENIO IGLESIAS (Mabegondo) (200)
R.C.D. LA CORUÑA B : 0 – BURGOS C.F. : 1 (0‑0)
COR : Antía Veiga; Mariño, Noe Mayo (Emma Gandoy 52’), Sara Barreda; Apóstol, Carballada, Marta Rico (Ade 88’), Yanis; Sonsoles, Daniela (Laurita 74’), Lucía Rivas (Laura Otero D). Tre. Sandro Nogueira. (Banco: Martina (g); Ángela; Daniela Macedo).
BUR : Neike; Irene, Estefi, Rebeca, Moni, Cris (Enara 78’); Ángela (Morgana 89’), Andrea, Ane (Claudia D); Aitana (Sofía Salas 78’), Cata (Lara 59’). Tre. Tania Güemes. (Banco: Laura (g); Raquel).
Goles: 0-1 Ángela 65’.
Árbitro: Castro Alarcón (Galiza-A Coruña). Auxiliares: Pereyra e Saratxo Fernández.
Disciplina: CA: Yanis 36; Irene 36’; Ángela 89’.
Foto: Loita de doces. Sonsoles anticípase a Ane no control da pelota. © 21noticias.com