“En Cervo coñecemos de primeira man o que supón vivir entre promesas que nunca chegan a asfaltarse. Durante décadas, vimos como o progreso pasaba de largo ou se desviaba cara ao interior, mentres a nosa veciñanza e as nosas empresas seguen atrapadas en estradas de hai máis de 25 anos” así se expresaba o concelleiro nacionalista David Villares despois de colocaren unha faixa reivindicativa polas infraestruturas na entrada de San Cibrao, e continuaba amosando a súa contrariedade e malestar porque “as infraestruturas de comunicación son unha cuestión de seguridade e futuro: levamos máis de 25 anos agardando pola execución da A-74 e a VAC Costa Norte, o tren converteuse nunha caricatura romántica que custa ver cruzar as nosas vilas porque non hai frecuencias, o peirao exterior de Morás xa non forma parte da axenda política”
Afirman os nacionalistas de Cervo que San Cibrao é o pulmón económico da Mariña, mais as empresas locais e os cidadáns seguen sen unha conexión directa por autovía. Non se pode falar de competitividade mentres non teñamos infraestruturas de comunicación á altura deste século.
Deterioro dos servizos públicos e malas comunicacións
Servizos básicos en xogo: Ao igual que os nosos veciños de Burela, Xove, Viveiro, O Vicedo …, en Cervo sufrimos o deterioro duns servizos públicos que se ven agravados polas malas comunicacións. Unha sanidade de calidade tamén depende da facilidade para chegar a ela.
25 anos de esquecemento: Dende que se decidiu levar a Autovía do Cantábrico por Vilalba, Cervo quedou nun «punto morto».
É inaceptable que, sendo un concello estratéxico para Galicia, a Xunta e o Goberno do Estado sigan sen cumprir os prazos dun corredor que nos debe unir co resto do país. Cervo non se conforma con ser un espectador do progreso alleo.
A Mariña merece máis que boas palabras e orzamentos que nunca executan. Esiximos o que nos corresponde por xustiza social e económica.
Autovía e Corredor XA! Porque o noso futuro non pode seguir agardando na cuneta.
Animan tamén a asistir ao acto público sobre infraestruturas “Viveiro e A Mariña merecen máis” que terá lugar o próximo venres en Viveiro ás 19:00 na sala multiusos do concello e no que participarán Seve Salgueiro, Iria Cotelo, Daniel Castro e Néstor Rego.