O PSdeG de Baralla denuncia que o Punto de Atención Continuada (PAC) estivo operativo durante todo o mes de decembro cunha única médica, ao non cubrir o Sergas as ausencias do facultativo titular.
Segundo explican os socialistas, esta situación obrigou á profesional a asumir en solitario a totalidade da actividade asistencial do PAC, incluíndo consultas, urxencias, saídas a domicilio e os cupos correspondentes aos outros facultativos, realizando xornadas prolongadas e sen reforzos.
O PSdeG subliña que esta falta de persoal provocou unha sobrecarga asistencial extrema, chegando a rexistrarse días nos que a única médica tivo que atender entre setenta e oitenta pacientes nunha soa xornada, unha circunstancia que consideran “absolutamente inasumible e perigosa”, tanto para a profesional como para a veciñanza.
O voceiro socialista, Jaime González, lembra que ao concello de Baralla lle corresponden tres médicos, ao tratarse dun municipio con poboación moi envellecida e moi dispersa, criterios polos que o propio Sergas o cataloga como zona de especial dificultade. “Traballar cun 33% do persoal necesario deixa aos profesionais exhaustos e aos veciños sen o servizo polo que pagan cos seus impostos”, sinala.
Desde o PSdeG reclaman a substitución inmediata do persoal sanitario sempre que se produzan baixas, así como a reposición do terceiro médico que lle corresponde ao municipio. González lamenta tamén que «cun goberno local de dez concelleiros sobre once, o alcalde é incapaz de garantir servizos básicos nin de facer valer o seu peso dentro do Partido Popular para defender os intereses de Baralla”.