De Olano incide en que “con Sánchez os autónomos pagan máis impostos canunca, reciben peores servizos públicos e perden máis tempo ca nunca en trámites burocráticos” e avanza que “o PP lle dará a volta a esa situación”.
“Menos burocracia e máis tempo para dedicarse ao seu traballo é o que reivindican, maioritariamente, os autónomos”, segundo manifestan os deputados nacionais despois de manter diversas reunións con representantes de colectivos e tamén con algún autónomo de forma particular cos que se reuniron recentemente en Barreiros.
Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades acompañados polo portavoz, José Manuel Gómez Puente, mantiveron reunións con responsables de establecementos hostaleiros do municipio para coñecer as demandas específicas dun sector no que os autónomos crean, ademais, outras oportunidades de emprego.
Os deputados explicaron que “estamos a manter unha rolda de contactos para coñecer de preto a realidade dos autónomos, escoitar as necesidades ou aquilo que non está a funcionar para trasladar as súas demandas e incorporalas ao Plan do Autónomo do Partido Popular” que, entre outras medidas, recolle xa a exención do IVE para facturacións inferiores a 85.000 euros anuais como dita a UE, redución de 4 a 1 as declaracións anuais, apoio ao emprendemento ou clarificar e incrementar as deducións de gastos.
O Plan do Autónomo do PP tamén recolle a exención no pago das cotas por baixas de enfermidade grave, dous anos despois da maternidade ou paternidade, equiparar os dereitos de lactancia para mulleres autónomos e traballadoras por conta allea ou facilidades para traballar despois da idade de xubilación.
De Olano incide en que “con Sánchez os autónomos pagan máis impostos ca nunca, reciben peores servizos públicos e perden máis tempo ca nunca en trámites burocráticos” e avanza que “o PP lle dará a volta a esa situación”.
“A situación actual dos autónomos é igual de preocupante que a situación de España con Sánchez. Falta persoal, non hai relevo xeracional, tampouco é fácil emprender, os autónomos asumen moita burocracia, etc.”. En definitiva, para De Olano, “o Goberno de Pedro Sánchez prexudica a quen traballa aos que considera caixeiros automáticos” e, ademais, “está a promover a cultura do mínimo esforzo coas súas nefastas políticas”.
Durante as reunións de traballo, os populares confirman tamén sobre o terreo o “descontento” dos lucenses con outras decisións do Goberno de Sánchez que prexudican a Galicia como é “o novo modelo de financiamento autonómico pactado cos independentistas cataláns”. Nese sentido, os deputados nacionais reivindican un trato xusto para Galicia e advirten que “só o Partido Popular defende os intereses dos galegos”.
LIÑA DE TRABALLO PARA O 2026
Nese sentido, os deputados lucenses repasaron as principais liñas de traballo do Partido Popular para este 2026: demandar, ademais da baixada dos impostos, a baixada do IVE dos alimentos, mellorar infraestruturas viarias e ferroviarias, recuperar a seguridade enerxética, os servizos públicos, construír máis vivendas para facer posible o proxecto de vida de millóns de españois e, tamén, loitará por “devolver a España a relevancia internacional e combater a corrupción”.