A UDC participa nun proxecto europeo para acadar un sistema intelixente que optimice a cría de larvas de mosca soldado negra

Baixo a denominación IAPSI, este proxecto, liderado pola compañía Bioflytech e co ITG e a UDC como socios, busca desenvolver un sistema intelixente de precisión que optimice a eficiencia e a trazabilidade da produción industrial de larvas da “Hermetia illucens”.

A Universidade da Coruña participa no proxecto europeo IAPSI, liderado pola empresa biotecnolóxica Bioflytech, a través da súa filial Alfaprogal (Alternative Fats and Proteins of Galicia). Esta iniciativa baseada na I+D+i busca desenvolver un sistema intelixente de precisión que optimice a cría industrial de larvas de mosca soldado negra (Hermetia illucens). Permitirá plantexar en Galicia un novo modelo de gandaría estratéxica, alternativa á tradicional, máis sustentable e tecnolóxica, que ademais fomenta a economía circular.

Con esta proposta, Galicia “estará nunha posición preferente para liderar aprodución europea dunha nova xeración de proteínas e grasas de alta calidade, así como de biofertilizantes derivados de mosca soldado negra, con aplicaciónsnos sectores relacionados coa nutrición animal -acuicultura, pet food, avicultura e porcino-, o cosmético e o farmacéutico, cun gran potencial de negocio, de crecemento e xeración de emprego riqueza”, explica Jesús Rodríguez, CEO de Bioflytech.

O proxecto, de colaboración público-privada e denominado IAPSI (Intelixencia Artificial e Automatización Aplicadas a Produtos Sostibles de Alto Valor Engadido a partir de Insectos), busca mellorar a eficiencia, a sustentabilidade e a trazabilidade do proceso de cría desta especie, a través da implementación dun algoritmo de intelixencia artificial que controle e module, de forma centralizada, a alimentación e a xestión ambiental das larvas.

O obxectivo é crear un sistema automatizado, intelixente e escalable, que mellore o rendemento e a pegada ambiental da produción. Para iso, introduciranse tecnoloxías avanzadas como a computación cuántica, o IoT, a automatización ou a intelixencia artificial. 

Así, utilizaranse sistemas de sensorización e rastrexo que permitan monitorizar, en tempo real, todas as variables do proceso. Aplicaranse tecnoloxías de visión artificial e procesamento de imaxe para a detección e análise do estado do cultivo, así como algoritmos de IA e sistemas automatizados para optimizar a alimentación, a rega e o control ambiental das granxas. Ademais, introduciranse modelos de predición, ferramentas dixitais e estratexias de eficiencia enerxética e de recursos para reducir a pegada hídrica e de carbono.

Innovación e investigación “made in Galicia” 

A participación da Universidade da Coruña (UDC) desenvolverase a través dos grupos de investigación de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) e do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC). 

Bioflytech achegará á contorna industrial, onde se realizarán as probas do sistema, as instalacións produtivas coas que a compañía conta en Palas de Rei (Lugo), cunha capacidade de produción anual de 12.000 toneladas de larva de mosca soldado negra, mentres que o ITG será o provedor tecnolóxico desta iniciativa, proporcionando a súa ampla experiencia en solucións industriais de visión artificial e tecnoloxías cuánticas. 

Pola súa banda, a UDC encargarase, grazas á súa solvencia académica en sustentabilidade, dos ensaios e análises ambientais, así como da validación científica do proxecto, que ten un prazo de execución de dous anos e un orzamento de máis de 3,6 millóns de euros. “Cando pensamos en Galicia, imaxinamos gandaría ou acuicultura tradicional. Este proxecto lévanos a imaxinar unha ‘granxa’ totalmente nova, tecnolóxica e cunha pegada ambiental mínima,» explica Luis Pena, membro do equipo de investigación da UDC, xunto con Alberto Alvarellos, Juan José Galán e Jerónimo Puertas. 

IAPSI conta co apoio do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e da Axencia Estatal de Investigación, e está cofinanciado pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER.



Comparte éste artículo
No hay comentarios