O Tenente Alcalde e Voceiro do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polo concelleiro responsábel de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, mantiveron unha nova xuntanza coa veciñanza de Castelo, que segue a reclamar a instalación dunha marquesiña de transporte público por parte da Xunta de Galiza. Arroxo lembrou que «durante o verán xa reclamamos á Xunta esta instalación, que se fai máis necesaria agora para que as veciñas e veciños poidan agardar polo transporte público sen ter problemas coa choiva».
Arroxo explicou que «esta marquesiña foi instalada pola Xunta e a súa instalación corresponde a esta administración, malia que fose utilizada para o transporte urbano», e engadiu «quen a retirou foi a Xunta e trátase de que cada administración se faga cargo das súas responsabilidades, do mesmo xeito que o Goberno de Lugo habilita e asume o mantemento de paradas para o transporte interurbano onde é necesario».
Rubén Arroxo asegorou que «se falaramos de unha infraestrutura de titularidade municipal o asunto xa estaría resolto no verán e a marquesiña colocada como pide a veciñanza». Tratase dun ben propiedade da Xunta e a propia Lei 8/2013, de Estradas de Galiza, define como Dominio público viario ás estradas de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais de Galiza e os terreos ocupados polos elementos funcionais destas estradas. As marquesiñas son consideradas como un elemento funcional, polo que o seu mantemento corresponde tamén á Xunta de Galiza.
«Seguimos traballando na ampliación do mobiliario urbano, escoitando sempre as solicitudes da veciñanza e buscando a mellora da imaxe da cidade», afirmou Arroxo, que engadiu «agardamos axilidade por parte da Xunta de Galiza á hora de asumir unha intervención da súa responsabilidade, garantindo que unha zona cunha ampla densidade de poboación non perda servizos»