Xornada na Boullosa (Baltar) de posta en valor e defensa do Larouco

Este sábado, día 7, colectivos ecoloxistas do sur de Ourense e asociacións veciñais da contorna do Larouco convocamos unha xornada de reflexión con charlas abertas fronte ás ameazas que pesan sobre o noso territorio.

Cada verán, e cunha virulencia crecente, os incendios forestais arrasan montes, poñen en perigo a vida das persoas e aceleran a degradación dunhas paisaxes xa moi fráxiles, marcadas por décadas de abandono institucional e despoboamento.

Mais os lumes non son unha realidade illada nin un fenómeno natural inevitábel. Cómpre entendelos en relación directa coa presión constante de grandes corporacións agroindustriais, mineiras e enerxéticas que pretenden converter os nosos montes e vales en simples espazos de extracción e beneficio privado. Minas, parques eólicos e fotovoltaicos, plantas de biogás e modelos de produción industrial de alimentos avanzan sobre ecosistemas delicados, sen reparar nos danos ambientais nin no impacto social que provocan sobre as comunidades locais.

O programa abrirase ás 13.00 horas cunha posta en común do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), Amigas das Árbores e Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova. E, despois do xantar, ás 15.00 horas membros da AAVV de Lucenza (Cualedro) e do Club de Voo Larouco (Baltar) falarán de iniciativas e proxectos ao redor do Larouco no ámbito da gandaría, o deporte e o turismo.

Este próximo sábado, día 7 de febreiro, celébranse no Restaurante Palomín da Boullosa, dúas charlas abertas ao público e un xantar entre ambas para o que se pode facer reserva (no teléfono 608 09 38 06, prezo 16 euros).

Esta xornada, enmarcada no ciclo OS MESES DO LAROUCO, quere poñer en diálogo as loitas contra esas formas de espolio cos incendios que expulsan poboación das aldeas, rompen os vínculos co territorio e transforman o país nun ermo moi vulnerábel.

PROGRAMA

(as charlas son abertas, independentemente da asistencia ou non ao xantar)

13.00: Como os lumes socavan as resistencias: Experiencias do MEL, Amigas das Árbores e Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova.

14.00: Xantar (con reserva).

15.00: Proxectos arredor do parapente e da gandaría en Baltar e en Lucenza: Iniciativas desde o Club Voo Larouco e a AA.VV. Lucenza.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios