83-87: un 0-20 nos últimos 5 minutos dálle o partido aos betanceiros
Quen decidise deixar a retransmisión a cinco minutos do final, cun apático Santo Domingo Betanzos perdendo por 83-67 contra un Chantada necesitado de vitorias, deseguro levou a sorpresa da fin de semana ao saber que os betanceiros acabaron levando un partido no que non acabaran de entrar nos primeiros 35 minutos. E é que, para sorpresa de propios e estraños, cando todo parecía indicar que os de José Amando Pena “Soviético” ían volver da capital do Asma cunha merecida derrota, propiciada en boa parte pola falta de ritmo e polo acerto de Cristian Iglesias (31 puntos ao remate do choque), a conxura dos xogadores acabou por certificar un parcial de 0-20 (cunha importantísima tripla de Luis Portilla que empatou o partido) que deixou o marcador cun 83-87 que roubo a fala a un público que xa contaba coa vitoria do seu equipo. Quitando o final do 3Q e a metade do último, onde o Ucoga Seguros Chantada logrou ese +16 que parecía definitivo, a igualdade foi a nota dominante dun partido en que o ritmo local e as poucas ganas dos visitantes de meterse no partido auguraba un final axustado. Porén, o equipo máis necesitado meteulle unha marcha máis ao partido (47- 43 ao descanso) e apoiados no acerto de Cristian Iglesias e, en menor medida, do internacional angolano Jerónimo Luis, os de Alberto Fafián lograron ir abrindo distancias ata ese 83-67 que parecía sentenciar o encontro. Foi entón cando o Santo, ata o momento completamente apático, logrou cerrar o rebote (ata o momento dominado polo equipo local), correr ao contrataque e crer que o partido, ata entón perdido, era un partido gañable. Pisou o acelerador Abelleira (26 puntos e 33 de valoración), ben secudando por Dani Martín (16 puntos, 3/5 en triplas, con tres tiros libres que puxeron un 83-83 no marcador) e por un Luis (8 puntos e 7 rebotes), desacertado ata o momento, que anotou unha tripla sobre o tempo de posesión a falta de 14 segundos, e a vitoria, completamente inesperada uns minutos antes, só tivo que esperar o tiro libre de gracia de Randolph para un 83-87 final que reafirma o sétimo posto do equipo a 3 vitorias (e average) fronte ao seu inmediato perseguidor, precisamente o Ucoga Seguros Chantada.
Así valoraba o encontro o adestrador betanceiro: “Vitoria importantísima e merecida polo esforzo dos xogadores ata o último segundo. Os dous primeiros cuartos o partido estivo moi igualado, pero non estivemos intensos en defensa e anotaban con facilidade. No terceiro cuarto non tivemos moito acerto en ataque e non dominamos o rebote
defensivo, o que permitía a Chantada xogar co marcador a favor. Na segunda parte, unha vez máis, fixemos unha remontada impresionante baseada na intensidade defensiva e no acerto en ataque. A vitoria reforza a confianzado equipo cara a enfrontar os seguintes partidos contra Universidad de Oviedo y Marín”.