Nicole Grueira: “Agardamos que impere a democracia e Lino Rodríguez permita o debate xa que en plenos anteriores vimos como negou o debate de varias mocións que rexistramos en tempo e forma e que non se chegaron a defender simplemente porque o alcalde non quixo”.
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Pol defenderán no vindeiro pleno unha moción para que o alcalde “deixe de poñer trabas e cumpra estritamente” a lexislación vixente en materia de acceso á información pública e dereito á documentación.
A voceira popular, Nicole Grueira, explica que “nos vemos na obriga de defender esta iniciativa ante os constantes problemas e dificultades impostos por Lino Rodríguez” para que poidamos acceder e consultar os expedientes solicitados “o que provoca que non poidamos realizar a nosa labor de fiscalización”.
Neste senso, a voceira popular sinala que “a obriga do alcalde e do equipo de goberno é facilitar, sen dilacións indebidas, toda a documentación que solicitamos e que aínda está pendente de entrega”.
Dende hai moitos meses, os concelleiros populares en Pol ven “limitado e incluso vulnerado” o seu dereito de acceso á información pública e á documentación administrativa, recoñecido pola lexislación vixente tanto na normativa estatal como autonómica.
“Dados os reiterados incumprimentos por parte do goberno municipal á hora de facilitar a documentación solicitada polo Grupo Municipal do Partido Popular no exercicio das súas funcións de control e fiscalización seguimos a reclamar o acceso á documentación”, sinalou.
A pesar de ter presentado diversos escritos solicitando o acceso a expedientes municipais concretos, estas peticións non foron contestadas nin atendidas, incumprindo os prazos legais establecidos, feitos que supoñen unha vulneración dos dereitos recoñecidos pola lei aos cargos.
Ante esta situación, foi presentado unha queixa ante a Valedora do Pobo, poñendo de manifesto esta problemática e solicitando a súa intervención para garantir o cumprimento da legalidade e dos dereitos.
Finalmente, Nicole Grueira advirte que “nesta ocasión agardamos que impere a democracia e Lino Rodríguez permita o debate desta iniciativa xa que en plenos anteriores tivemos que comprobar como negou o debate de varias mocións que rexistramos en tempo e forma e que non se chegaron a debater simplemente porque o alcalde non quixo”.