O PP de Padrón acusa ao alcalde de “desmantelar” a escola infantil a base de “presións e impagos”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Padrón, Ángel Rodríguez Conde, acusou hoxe ao alcalde, Anxo Rei, de “pretender desmantelar” a escola infantil municipal cunha “estratexia premeditada” de “presións e impagos” á empresa xestora, co obxectivo de forzar a súa quebra e o seu peche ou a renuncia á xestión do servizo.

Rodríguez Conde lembra que a mediados do ano 2023 o goberno de Anxo Rei decidiu unilateralmente trasladar a escola infantil a Carcacía, a sete quilómetros do centro urbano, alegando unhas supostas condicións de “insalubridade” da gardaría, que non estaban xustificadas. Dita decisión, que inicialmente ía ser provisional durante tres meses, converteuse nun “traslado forzoso que prexudicou a moitas familias e motivou unha importante baixada das matriculacións”.

Segundo o voceiro popular, desde entón o alcalde iniciou “a súa particular cruzada con presións e unha actitude prepotente” contra a entidade xestora da escola infantil, que segue a padecer as repercusións económicas negativas derivadas do cambio de ubicación, da redución das aulas, da baixada do alumnado e da consecuente minoración da contía que a Xunta de Galicia lles concede por número de aulas, matrículas e asistencia aos menores.

Para Rodríguez Conde é “inadmisible e intolerable” que o goberno local abandone ás familias usuarias da escola de Carcacía e incorra nunha débeda coa empresa xestora que “está a poñer en risco a continuidade do servizo”. Precisamente, esas familias usuarias coñecedoras da situación explicaron que a entidade non percibe desde o mes de outubro nin o déficit acumulado, nin a subvención xa cobrada da Xunta de Galicia o 26 de xaneiro nin a contía mensual que lle corresponde ao concello.

“Ao alcalde éncheselle a boca na radio falando de que vai construír unha nova gardaría do século XXI, pero primeiro debería preocuparse de garantir a continuidade do servizo actual nunhas condicións óptimas. E iso pasa por pagar o que debe en tempo e forma, porque semella que para a escola infantil non hai cartos, pero para as festas sobran”, manifestou o voceiro popular.

Comparte éste artículo
No hay comentarios