Sen fibra e sen dereitos: O Goberno bloquea a conexión en Dozón por non usar o castelán

Mario Vila López, veciño de Dozón, xunto a un colectivo de veciños do municipio, denuncia publicamente o «vía crucis» administrativo e a discriminación lingüística que están a sufrir por parte da Secretaría de Estado de Telecomunicacións. O que comezou en 2021 como unha reclamación por un contrato incumprido de fibra óptica derivou nun escándalo de indefensión e trabas idiomáticas.

Cronoloxía dun engano

En setembro de 2021, Mario Vila contratou con Telefónica 600 Mb de fibra. Malia que a operadora ofertaba o servizo, nunca o instalou, ofrecendo como alternativa unha conexión por radio de baixa calidade. Tras reclamar ante o Ministerio, a Administración resolveu en contra do veciño nunha resolución (Expte. RC1017768/21) que contiña un erro de vulto: afirmaba que o usuario non presentara alegacións, cando estas foron rexistradas en tempo e forma.

«O Goberno resolveu o meu caso sen ler as miñas probas e dándolle a razón á operadora por defecto», explica Vila. A día de hoxe, o recurso de reposición presentado para emendar este erro segue sen resposta, nun claro exemplo de silencio administrativo.

O galego como barreira para Internet

Ante o bloqueo individual, a finais de 2025 iniciouse unha petición veciñal conxunta. A resposta do Ministerio foi, de novo, burocrática: devolveu o escrito por estar redactado en galego. O Goberno central esixe agora aos veciños que sexan eles quen asuman a tradución ao castelán nun prazo de 10 días se non queren que a súa reclamación sexa enviada ao arquivo.

Malia que a Lei 39/2015 obriga á Administración instrutora a realizar as traducións cando o cidadán exerce o seu dereito dende unha comunidade con lingua cooficial, o Ministerio optou por trasladar a carga aos veciños de Dozón.

«Cidadáns de segunda»

«Non só nos deixan sen fibra, o que nos impide teletraballar ou estudar en igualdade, senón que nos din que para ser escoitados en Madrid temos que renunciar á nosa lingua«, denuncian os afectados. Os veciños consideran que se trata dunha estratexia para protexer a Telefónica de cumprir cos seus compromisos de investimento no rural galego.

Os veciños de Dozón xa anunciaron que presentarán a tradución «baixo protesta» para non perder os seus dereitos, pero esixen unha rectificación inmediata do Ministerio e que se obrigue de xeito efectivo á operadora a despregar a tecnoloxía FTTH (fibra) comprometida dende hai catro anos.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios