O Comité de Centros de Atención Primaria da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte tras a reunión mensual ordinaria , e despois de máis de dous anos tratanto de solventar a problemática nas sucesivas mesas permanentes coa Xerencia da Área Sanitaria, sen obter resposta algunha nin interés en solucionar a situación, denuncia graves deficiencias na subministración de materiais nos centros de saúde de toda a Área Sanitaria.
As deficiencias na subministración afectan a produtos básicos necesarios para o funcionamento diario , tales coma vendas, que non chegan malia ser pedidas polo persoal dos centros en tempo e forma, tanto no programa habilitado para realizar pedidos ordinarios e urxentes , coma nos correos que se envían á unidade de subministros, e sempre seguindo os protocolos que desde ese servizo ten establecidos.
Tamén se da a casuística de que materiais indispensables para garantir a seguridade e cumplir cos protocolos de prevención de infeccións , tales coma guantes estériles , máscaras FFP2 e panos estériles entre outros , son enviados en cantidades absolutamente ridículas o que provoca que os centros queden sen existencias nos primeiros días tras recibir os pedidos e tendo que agardar ata a seguinte remesa, que no mellor dos casos se produce aos quince días.
No caso de algúns materiais “especiais” para facer curas , tales como certos apósitos que se subministran controlados e subministrados para pacientes específicamente identificados, a maiores de enviar cantidades moi inferiores ás necesarias, pasaron xa varios meses cando chegan e as e os profesionais tiveron que organizarse para poder abordar esas curas , coa conseguinte incidencia na calidade da asistencia sanitaria e a frustración do persoal sanitario, que non pode dar os coidados que ese paciente precisa específicamente.
Máis a falta de subministración non so afecta ao material sanitario , senón que mesmo o material administrativo que entendemos elemental e imprescindible para que o persoal administrativo e sanitario poidan realizar a actividade diaria dun xeito adecuado, recíbese en cantidades moi inferiores ás solicitadas ou simplemente o pedido é rexeitado pola unidade de subministros.
Desde Subministro falséanse os albaráns
A representación das persoas traballadoras tamén denuncia as prácticas que se están a levar desde a unidade de subministros, ordenado polo departamento de Recursos Económicos e que consisten na remisión dos albaráns cos pedidos manipulados e falseados, de xeito que sempre se igualan nos albaráns as cantidades servidas coas cantidades pedidas polo persoal , reducindo estas ata o número que lles convén enviar e faltando ao respecto ás e aos traballadores que fan solicitudes de material segundo as necesidades asistenciais , censurando e poñendo en entredito o seu rigor e a súa capacidade como profesionais sanitarios.
Desde este Comité de Centros de Atención Primaria esiximos á Xerencia que tome medidas de xeito inmediato para solucionar estas deficiencias que poñen en perigo a calidade da asistencia sanitaria máis básica, afectando directamente á saúde e benestar das persoas e ao bo funcionamento dos centros sanitarios de Primaria. Esiximos igualmente que se deixe de ningunear e faltar ao respecto ás e aos traballadores e de poñer en entredito o seu criterio profesional, así como o restablecemento dun servizo de subministracións de calidade e segundo as necesidades de cada centro.